«Revenidas xa é un éxito pola colaboración pública e privada»

darío portela / S.g. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O festival arrincará o 7 de setembro co presuposto máis alto da súa historia

01 sep 2023 . Actualizado a las 13:08 h.

O Revenidas volve a pechar as calzadas de Vilaxóan. Comezou cun presuposto de seis mil euros na súa primeira edición e este ano será de seiscentos mil euros, é a mostra perfecta do crecemento do festival. Explica a organización que este evento non se podería entender sen a parroquia vilagarciá: «Vilaxoán está na propia esencia do Revenidas ata o punto de que este festival non se podería entender en ningún outro lugar».

Este acontecemento naceu a raíz dunha festa popular que se celebraba na vila, na que os veciños compartían e degustaban un dos froitos máis cobizados do seu traballo: as sardiñas asadas, que alí chámanse, precisamente, revenidas. Dende aí, o ascenso deste evento non freou.

O festival foi presentado onte no centro sociocultural de Vilaxoán coa presenza de Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía; Jacobo Sutil, director da Agadic; José Manuel Merelles, director xeral de Turismo Galicia; Nava Castro, deputada da Deputación de Pontevedra; Jesús Manuel Saez, responsable de field marketing de Mahou; Xoán Quintáns, organizador do festival, e Sheila Patricia, unha cantante que interpretou dous temas en acústico.

No acto, Quintáns asegurou que «esta edición xa é un éxito pola colaboración pública e privada», referíndose á colaboración de empresas como Mahou, unha das principais patrocinadoras, e ao apoio da xente na venda de entradas. Contou que ademais é unha gran forma de xerar postos de traballo, pois nesta edición hai 300 asalariados. Rematou pedindo aos asistentes que usen o transporte público, pois é unha opción moi beneficiosa para o medio ambiente.

Nava Castro quixo destacar a importancia social e económica do turismo festivaleiro. A súa vez comentou que no Revenidas «únese a tradición ca música de festival». Por último, en representación da Deputación de Pontevedra, apoiou este tipo de eventos. Así mesmo, José Manuel Merelles, director xeral de Turismo Galicia, dixo: «É unha satisfacción ver que o noso apoio e promoción este tipo de eventos saen adiante».

O último en intervir foi Alberto Varela, que se desfixo en afagos cara o Revenidas: «Estase convertendo nun evento de referencia». Recalcou o apoio do Concello a este evento facendo fincapé en que tamén o recostaron no complicado 2020, e destacou o seu papel: «Poucos festivais en Galicia, diría o único, con tanta identidade e unidade territorial coma o Revenidas».

A venda de entradas foi un éxito, pero aínda quedan algunhas para aqueles indecisos que non saben se apuntarse á festa. Dacordo co que comentou Quintáns, o organizador do festival, para o xoves aínda quedan, para o venres menos e para o sábado directamente xa non hai. O domingo será unha sesión de balde con Uxía Lambona e a Banda Molona, un espectáculo para toda a familia, Yaya DJ; Gala de Circo Solidaria e Xose Lois Romero e Aliboria.

Desakato, Heredeiros, Ska-P, Los Chikos del Maíz ou Dakidarría por unha sardiñada

O Revenidas pechou o seu cartel coa asistencia do grupo mexicano Panteón Rococó, unha banda con 25 anos de traxectoria que pasa por ser a máis influinte no ska latino, e o dúo catalán La Élite. Comezará o xoves 7 de setembro ca presenza de Panteón Rococó e Ana Tijoux, con Desakato, a activista feminista arxentina Sara Hebe, a gañadora do concurso Sonmidos Mans HYDN, Tremenda Jauría, The Skarnivals, Arrythmia e A Duendeneta.

A segunda xornada do festival, a do venres 8, reunirá os valencianos Zoo, a gran revelación da música galega do 2023, Fillas de Cassandra, Los Chikos del Maíz, o principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak; o novo grupo de Evaristo Páramos, Tropa do Carallo; Sheila Patricia, La Regadera, Rebeliom do Inframundo e de novo A Duendeneta.

O sábado 9, o Revenidas recibe a Ska-P, que ofrecerán en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia deste ano. Ese mesmo día terá lugar o concerto especial do vixésimo aniversario de Dakidarría, con varios artistas invitados e se gravará para convertelo no primeiro disco en directo da banda do Val Miñor. Completan o cartel do sábado Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus, La Élite Lamatumbá, Nativa, Kiza, O Rabelo, Familia Caamagno, Mondra, The Rapants, Kris K Dj, Me Fritos and the Gimme Cheetos e de volta A Duendeneta.

O domingo chega cargado de actividades de balde: celebrarase a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria, as actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona. Por último, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, serán os encargados de pechar unha nova edición do Revenidas.