A Illa distingue a xestión do lixo orgánico de seis establecementos de hostalería

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Concello concedeulles o Selo Revitaliza da Deputación de Pontevedra por compostar de xeito responsable

30 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello da Illa vén de distinguir co «selo Revitaliza» a seis establecementos da hostalería por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico. Trátase de catro chiringuitos da praia: Carpe Diem Camaxe, O Xurel, Patapalo e Areoso Beach Club. Ademais, tamén resultaron premiados os restaurantes Churrasco Con do Sol e Restaurante Camping Salinas. Todos eles dispoñen de composteiros individuais e as súas candidaturas cumpriron cos requerimentos de calidade e boas prácticas esixidos polo departamento provincial. A finalidade do Revitaliza é recoñecer a participación dos establecementos na xestión propia dos seus biorresiduos, polo que concedeuse este selo de calidade acreditativo coa finalidade de reforzar este proceso e informar á cidadanía do seu esforzo e implicación.

Os galardóns foron entregados durante o día de onte da man do alcalde da Illa, Luís Arosa, da concelleira de Turismo, Rosi Viana e da mestra composteira, Nerea. A intención do Concello é que se vexa como a economía circular da fracción orgánica a nivel local xera beneficios para a contorna, aumentando a biodiversidade e a fertilidade dos solos.