O festival contará con cinco actuacións e dúas visitas a Cortegada na sua programación
26 ago 2023 . Actualizado a las 19:27 h.O Ameixa Rock celebra a súa décima edición os días 2 e 3 de setembro. O obxectivo do evento non só é darlle visibilidade a Carril, senón tamén céntrase en dar a coñecer a illa de Cortegada. Onte pola mañá, Ravella foi escenario da presentación do festival, nela estiveron presentes o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón e a organización do festival carrilexo.
O alcalde aproveitou para agradecer á organización o seu amor por Carril e a posta en valor da illa de Cortegada: «Unha das principais xoias que temos en Carril e en Vilagarcía», asegurou Varela. A súa intervención rematou recoñecendo que se trata dun festival que está plenamente consolidado na cidade e que é unha das citas obrigadas do calendario estival.
Durante a rolda de prensa, Elpidio Costa encargouse de explicar a programación deste edición, que dará comezo o sábado 2 de setembro ás 12 horas no peirao de Carril cunha visita guiada a Cortegada. Os asistentes a través do festival contarán cun prezo especial e para inscribirse deberán facelo a través do correo electrónico info@corticata.com ou do teléfono 625 807 923.
Ás 13.30 na praza da Liberdade haberá unha sesión vermú coa actuación do grupo cambadés The Velvet Crab, un dúo ligado ao pop inglés que canta versións de artistas como Beyoncé ou Freddie Mercury. Tras a actuación haberá outra expedición á illa de Cortegada con saída ás 16.30 horas. O punto forte da xornada chega ás 22 horas co comezo dos concertos, todos eles na praza da Lonxa. Recambios Tucho abrirá os concertos. Liderado polo guitarrista de Herdeiros da Crus, Tuchiño, o grupo adoita interpretar os temas máis coñecidos «dos máis jrandes». Furious Monckey House continuará o espectáculo a las 23.45 co seu rock alternativo cun toque de electrónica. O sábado rematará ás 1.45 da madrugada coa actuación da DJ da Duendeneta, Kris DJ, polo que a festa está asegurada.
O festival pechará o domingo 3 de setembro ás 13.30 horas, de novo na praza da Liberdade, coa sesión vermú protagonizada por Perfect Strangers.
Desde a organización argumentan que este ano a cantidade de artistas é menor, pero aseguran que a calidade é maior que en edicións anteriores, pois contan con innovacións técnicas coma un escenario móbil.
Combate Naval
Outro factor a ter en conta nesta edición é o cambio de data do Combate Naval, que foi aprazado para o sábado 2 de setembro debido as fortes choivas que tiveron lugar o pasado venres. Segundo informa Costa, isto non é ningún problema para o Ameixa Rock, xa que «o combate é perfectamente visible desde Carril».
Os membros da organización do festival tamén aproveitaron a ocasión para mostrar o seu agradecemento ao Concello de Vilagarcía, á concelleira de Cultura e ao seu compañeiro Adrián Berride polo traballo levado acabo durante todos estes anos.