Música de Queen e pregón de Samuel Rial nas Festa da Anguía de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

Marcos Creo

Se poderá degustar de un millar de tapas de anguía e cócteles con caña do país

12 ago 2023 . Actualizado a las 21:58 h.

Valga está ás portas dunha nova edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia e que engloba outras actividades culturais e lúdicas co obxectivo de acadar a participación tanto de veciños coma de visitantes doutras localidades.

Aínda que as actividades relacionadas ca festa comezan o venres 18 e rematan o martes 29, o día grande será o sábado, 26 de agosto, co Parque Irmáns Dios Mosquera como centro neurálxico das actividades. Os asistentes poderán degustar mil tapas de anguía en cinco receitas diferentes: catro elaboradas polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía e a quinta cociñada polo bar Casa Comparada, que foi o gañador do premio do xurado da última edición da ruta Tapa a Anguía coas súas Popietas de anguía.

En canto á augardente, as persoas que se acheguen esa noite ao Parque Irmás Dios Mosquera poderán adquirir ata catro variedades de cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña terá lugar a demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros de Valga na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación.

Concursos

Outro dos actos relevantes da xornada central será a entrega de premios dos concursos de fotografía e receitas do Agosto Gastronómico, o Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso para elixir o cartel anunciador da festa, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta Tapa a Anguía. O pregón da festa correrá a cargo do estudante Samuel Rial, mellor expediente de Bacharelato de Valga e un dos mellores de Galicia, recoñecido pola Universidade de Santiago.

No apartado de actuacións, está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga, ademais do Grupo Bomba e Doctor Queen, considerada unha das mellores bandas tributo ao famoso grupo de rock británico —liderada por Jorge Busetto no papel de Freddie Mercury— e oriunda de La Plata (Arxentina).