
Ravella aspira a poder iniciar as obras con celeridade
03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Onte pechouse o prazo de presentación de ofertas para realizar a reforma do pavillón número 1 de Fontecarmoa. Finalmente, son tres as empresas que concorren ao concurso. «Co obxecto de recuperar o tempo perdido coa repetición do proceso debido ao incremento xeneralizado dos prezos dos materiais, a mesa de contratación reunirase coa maior brevidade para avaliar as propostas co obxecto de poder adxudicar e iniciar as obras canto antes». O proxecto licítase por 2.129.428 euros.
Segundo o Concello de Vilagarcía, o prazo de execución dos traballos é de sete meses, aínda que a intención do goberno local é que a empresa que resulte adxudicataria axilice ao máximo as obras para que os clubs da cidade poidan retomar a actividade no pavillón canto antes e para que os vilagarciáns poidan gozar do deporte nunhas instalacións cómodas, modernas e eficientes.
O proxecto que se vai executar é unha actuación de gran envergadura xa que inclúe a reparación da estrutura, a substitución da cuberta, a mellora de envolventes e o acondicionamento interior do pavillón, así como a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica, a renovación da instalación eléctrica e a de climatización. Estas últimas melloras permitirán que o renovado pavillón cumpra os compromisos da Axenda 2030 e suba catro niveis na escala de eficiencia enerxética, pasando a situarse na categoría «A».
As obras proxectadas resolverán todas as carencias e deficiencias que presentan actualmente as instalacións construídas hai máis de 40 anos, especialmente en materia de humidade e condensación, que dificultan a práctica deportiva, pero tamén de imaxe. Por isto, aparte da estrutura e das instalacións, tamén se renovarán a zona de vestiarios, os aseos e o perímetro da cancha.
Dende Ravella indican que o Concello fixo «un importante esforzo económico para acometer o proxecto, xa que dos case 2,2 millóns de euros do orzamento, a administración local financia 1.779.428 euros cos fondos que lle corresponden do Plan Concellos.