
Con Mariel Oubiña á fronte e moi tocado polas baixas, o equipo arousán xoga a fase de León cargado de ilusión
26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Escribir historia. Iso é o que fan desde hoxe a adestradora do XAV, Mariel Oubiña, e as doce xogadoras que puideron desprazarse ata León para poñerlle a guinda á mellor temporada no cuarto de século de existencia do club de voleibol de Cambados. Disputando por primeira vez na traxectoria da entidade unha fase de ascenso a categoría nacional. Subcampión da Primeira Galega, tan só superado por un Pontevedra presente tamén na gran cita de final de curso, o cadro arousán pelexa por dar o salto á Primera Federación, a división de bronce do voleibol feminino español.
O Galdakao BT vasco é, hoxe desde as 10 horas, o primeiro rival do XAV no Grupo B. Mañá, desde as 11 horas, o AULE, conxunto anfitrión, será o segundo obstáculo de cara a entrar nas semifinais do sábado pola tarde, que darán acceso á final do domingo ás 12.
Mentres agardaba a sumarse á expedición de furgonetas na que partía o equipo cara León, Mariel Oubiña confesaba onte á tarde descoñecer sequera o número de ascensos en xogo —son dous—: «É algo que, a verdade, vemos bastante lonxe. Imos a vivir a experiencia e a pasalo o mellor posible». O camiño do XAV ata chegar aquí non permite outra cousa.
Por un lado, a adestradora do conxunto cambadés lembra como o equipo tivo que partir de cero, saíndo na Segunda Galega na temporada 2021/22 ao ter renunciado a campaña anterior a competir por temor a contaxios no máis cru da pandemia. Logo de ascender á primeira, este curso rematou terceiro da fase regular da Liga de Primeira Galega empatado a puntos co segundo, para finalizar gañando o dereito a disputar a final polo título autonómico, o pasado día 6 na Estrada fronte ao CV Pontevedra Alianza Española SA de Seguros. O desenlace: 3-1 a prol do conxunto da cidade do Lérez.
Sobre esta base, o XAV acode ademais a León con baixas sensibles. Empezando pola súa colocadora titular, Ana Castro, ademais de Lara Padín, que pode actuar en calquera posto, e Cristina Fontenla, receptora; as dúas primeiras por estudos e a última por motivos laborais. A elas súmase que outra titular, Flavia Besada, a xogadora máis veterana do equipo, só pode competir hoxe, saíndo acto seguido cara Madrid para examinarse dun máster.
Así as cousas, e contando a Besada, Mariel Oubiña manexa na fase de ascenso un cadro de doce efectivos, entre eles dúas cadetes, Paola Serantes (central) e Paula Tomás (receptora), e tres xuvenís, Antía Aragunde (central), Katia Padín (receptora) e Natalia Paz (líbero). Completan o cadro de xogadoras as séniores: Ángela Oubiña e Noa Cortegoso (receptoras), Clara Torres (oposta), Clara Alfonsín (central), Alba Parada (líbero) e Elia Pontanilla (colocadora/oposta).