Vilagarcía acollerá unhas xornadas para ensinar a comprar de forma responsable co medio ambiente

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Maruxa Alfonso

Serán os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño na praza de abastos e están abertas a praceiros e público en xeral

26 may 2023 . Actualizado a las 18:01 h.

A praza de abastos de Vilagarcía acollerá a próxima semana Reviravolta, a campaña de fomento das estratexias de economía circular que pon en marcha a concellería de Promoción Económica a través do programa «Vilagarcía Viva», financiado cos fondos europeos Next Generation. A iniciativa terá lugar os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño, e consistirá na realización de charlas e obradoiros prácticos dirixidos tanto aos praceiros como ao público en xeral.

O obxectivo é sensibilizar e formar á cidadanía sobre o consumo responsable e o comercio de proximidade para acadar un modelo de desenvolvemento sostible e máis respectuoso co medio ambiente, dous dos grandes retos do século XXI a nivel global.

«Co Reviravolta, a concellería que dirixe Alba Briones pretende achegar ao público a información básica necesaria para favorecer unha toma de decisións consciente e responsable á hora de facer as nosas compras, con medidas tan sinxelas como optar polos produtos a granel para evitar un consumo excesivo que, de xeito indirecto, deriva na sobre explotación dos recursos naturais e a contaminación. A campaña pretende facer comprender á poboación que os pequenos xestos individuais tamén poden influír e axudar a frear eses grandes e nocivos procesos. Máis aínda, se se practican de forma xeneralizada», segundo informan desde Ravella.

As actividades a realizar durante estas tres xornadas versarán sobre as técnicas para conservar e reutilizar os alimentos, a identificación e elección de produtos orgánicos e de proximidade ou as medidas que se poden seguir para aforrar recursos, tanto alimenticios como enerxéticos. Por iso, tamén se falará e se practicará a técnica do compostaxe e a reparación de utensilios como formas de reducir os residuos e se exporán as diversas alternativas ás que se pode recorrer para prescindir do plástico no uso cotiá, posto que se trata dun elemento moi contaminante.

As actividades serán impartidas pola Asociación Galicia Ambiental e, tanto as charlas como os obradoiros, realizaranse de forma amena, práctica e accesible a todo tipo de públicos. Como exemplo, nos obradoiros explicarase como ler as etiquetas para identificar correctamente os produtos e tamén se ensinará a elaborar e utilizar diferentes técnicas de conservación de alimentos, como a fermentación, o escabechado e os encurtidos.

Como poñentes actuarán o presidente da Asociación Galicia Ambiental, Benito García; a bióloga especializada en Xestión de Desenvolvemento Sostible na UVIGO, Eva Quiroga; o técnico superior en Produción Audiovisual, Boris Roca; e os mestres composteiros do Concello de Vilagarcía, Ánxela Chenlo e Borxa Mexuto.

Programa

A primeira sesión será o mércores 31. As 10 horas comezará unha charla sobre economía circular para dar paso unha hora despois a un obradoiro sobre compostaxe. O 1 de xuño a partir das 10 horas falarase do uso intelixente das técnicas de aproveitamento dos alimentos nunha charla e un obradoiro para dar paso, despois, a unha degustación de alimentos fermentados. O venres 2 de xuño daralle o protagonismo á compra Responsable no que se proporcionará información sobre as compras a granel, o aforro de auga e enerxía e celebrarase un obradoiro de compostaxe.