O CX Fontecarmoa conquista a súa segunda Liga Galega de División de Honra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O equipo sumou na derradeira xornada os puntos xustos para amarrar un título no que participaron quince xogadores do club

23 may 2023 . Actualizado a las 21:16 h.

Só catro clubs poden presumir de ter gañado na historia recente a Liga Galega de División de Honra, a máxima categoría do xadrez autonómico. O Universidade de Vigo-EXP, o Xadrez Ourense, o USC, e o Club Xadrez Fontecarmoa. O primeiro equipo vilagarcián, o CXF Viajes Interrías Sanxenxo, vén de facelo por segunda vez. Logo de conquistar o trofeo de mellor conxunto da comunidade no 2014, o pasado sábado fixo o propio co da edición 2023, nunha undécima e derradeira xornada de infarto saldada con 46 puntos finais para o cadro arousán e outros tantos para un Benchoshey Pereiro de Aguiar malparado no empate.

Os xogadores coordinados por Julio Torrado arrincaron o seu choque sabedores de que non podían ceder máis de medio punto na súa visita ao Círculo Chantadino para non depender do que fixera o seu rival polo título. E medio punto é o que se deixou no corazón de Galicia o C.X. Fontecarmoa-Viajes Interrías Sanxenxo. O que Roi Reinaldo defendeu a capa e espada ante Petkov.

O 0,5-5,5 obtido en Chantada compensou o club vilagarcián polo aciago desempate final que o ano pasado sufriu ante o Xadrez Ourense no seu duelo entre campións de grupo —este ano volveuse ao grupo único tras o remate das restricións pola pandemia—. Debutante na División de Honra das Ligas Galegas no 2008, do primeiro paso efémero pola máxima categoría o Fontecarmoa pasou a converterse nun dos conxuntos de referencia, participando ininterrompidamente na mesma desde o seu regreso no ano 2012. Desde o 2013 non baixou do cuarto posto na clasificación final.

O segundo título da División de Honra autonómica deixa un especial bo sabor de boca nos responsables do Fontecarmoa, por canto ata quince xogadores sumaron para chegar a eses 46 puntos que lle veñen de dar o cetro galego. Unha mostra do bo facer nestes últimos vinte anos a nivel de traballo de canteira, como proba a estrea de tres xadrecistas na División de Honra esta temporada: David Suárez, Marcos Boo e Luca Rey.

Ascenso do Breogán do Grove

Máis aló do primeiro equipo, no C.X. Fontecarmoa felicítanse pola salvación na derradeira xornada dos tres equipos da base que se xogaban a permanencia, cun equipo campión e outro subcampión en Primeira División.

Campións foron tamén o Breogán do Grove, no grupo D da Segunda División, conseguindo o ascenso, e o Dorna Vengarco B no grupo G da Terceira.