Abalo ofrecerálle a continuidade a Luisito tras unha temporada «impresionante»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Luisito Míguez, no partido do pasado sábado fronte ao Racing Vilalbés na Lomba
Luisito Míguez, no partido do pasado sábado fronte ao Racing Vilalbés na Lomba MONICA IRAGO

Os socios do club votarán novo presidente o mes que vén

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Impresionante». Con esta palabra definía no día de onte o presidente do Arousa, Manolo Abalo, a temporada feita polo primeiro equipo arlequinado. Unha campaña á que non lle tería feito xustiza o fútbol coa súa eliminación, o pasado sábado sobre o céspede da Lomba, na segunda e penúltima rolda da promoción á Segunda R.F.E.F. E iso tan só, opina o mandatario do club, porque: «Non tivemos a sorte necesaria para devolverlle á afección todo o que nos deu. Se non fomos o equipo con máis mala sorte do campionato, estivemos entre os primeiros».

Abalo defende o seu criterio tirando dun dato: «Non sei se algunha outra temporada o Arousa chegou sen perder na Lomba ata o último partido» como fixo este curso, no que tan só o Racing Vilalbés foi quen de dobregar o cadro arlequinado, no choque de volta da súa eliminatoria.

«Quedo moi tocado, sobre todo por como medramos a nivel de sociedade», di o presidente ante o milleiro de afeccionados apoiando o equipo cada xornada na casa como chan da asistencia ás gradas da Lomba. «Tentouse con todas as forzas, pero non puido ser», conclúe Abalo.

Construír o novo equipo desde xa

Tras outros catro anos á fronte da entidade, Manolo Abalo debe someterse en breve ao escrutinio dos socios. O mandatario non podía ofrecer onte inda unha data exacta para a celebración das eleccións á presidencia, pero si sinalar: «A idea que temos é que estean feitas o 30 de xuño como máximo. Se pode ser antes, antes. Canto máis pronto, mellor».

Con todo, Manolo Abalo defende que o club non pode agardar ata a resolución electoral e debe comezar xa a construír o novo proxecto deportivo «non para ir a pola promoción, senón a polo primeiro posto» que dá o ascenso directo. Así as cousas, a actual directiva arlequinada reuniráse hoxe ou mañá porque, di o seu máximo responsable: «Hai que tomar decisións, sobre todo, porque imos retrasados respecto a outros equipos». O primeiro paso, a elección do adestrador, teno perfectamente claro Abalo: «Nós confiamos en que Luis —Míguez— diga que si e continúe connosco. É a mellor persoa para dirixir o Arousa. Despois de montar un equipo de novo o verán pasado, xa sabe o que ten na casa e o que precisa para melloralo».