Os afectados polo peche do libre marisqueo poderán pedir as axudas ata o 2 de xuño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O director xeral de Pesca calcula que uns setecentos profesionais poderán optar ás compensacións

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou onte na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento que os afectados pola parada temporal nos principais bancos marisqueiros da ría de Arousa —Lombos do Ulla, Bohído e Cabío— poden solicitar ata o vindeiro 2 de xuño as axudas compensatorias por esa paralización da actividade.

O representante da consellería detallou, a preguntas do PP, que a orde publicada polo DOG o pasado 25 de abril establece que o prazo de presentación das solicitudes é dun mes contado a partir do día hábil seguinte ao de finalización do período de paralización temporal, comprendido entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, polo que o prazo está aberto desde o pasado 2 de maio ata o 2 de xuño.

O director xeral incidiu en que este paro foi coordinado co propio sector como medida técnica de conservación e que conta cun orzamento -cofinanciado co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- de algo máis de catro millóns de euros.

Os potenciais beneficiarios destes apoios son as persoas armadoras e tripulantes das embarcacións da terceira lista con porto base en Galicia afectadas pola paralización da actividade e que desenvolvesen a actividade cando menos 120 días entre os anos 2021 e 2022. De feito, a previsión é que poidan acollerse a estas axudas arredor de 420 embarcacións marisqueiras e uns 700 profesionais do sector.