O escritor e rapeiro Rayden acudirá á feira Vilagarcía, Cidade de Libro

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Javier Cebollada | EFE

O músico e poeta urbano madrileño presentará o vindeiro mes na capital arousá a súa primeira novela:« El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo»

13 may 2023 . Actualizado a las 21:21 h.

David Martínez Álvarez, Rayden no mundo artístico, será un dos grandes nomes cos que contará a terceira edición de Vilagarcía, Cidade de Libro, programado do 13 ao 18 de xuño. A Concellería de Cultura da capital arousá vén de confirmar a presenza dun creador multifacético, músico e escritor urbano, lanzado á fama a raíz do seu título de campión mundial da Red Bull Batalla de Galos do 2006 e presente nas casas de boa parte de España tras a súa participación no Benidorm Fest o ano pasado, no que xunto a outros artistas como as Tanxugueiras e a finalmente gañadora, Chanel, optou a representar a España en Eurovisión

Escritor, cantante e produtor musical, Rayden leva engordando desde o 2015 unha crecente produción literaria, especialmente no xénero poético. Herido Diario, Cantinela, Terminamos y otros poemas sin terminar, Nunca será siempre, El mundo es un gato jugando con Australia ou Amoratado saíron da súa escrita antes de El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo, a súa primeira incursión no xénero novelístico, que presentará o vindeiro mes na feira do libro arousá. 

Seguindo o formato dos dous anos anteriores, Rayden e o resto dos autores que participarán no Vilagarcía, Cidade de Libro tomará parte activa en diversos actos e actividades en contacto directo co público. 

A presenza do rapeiro e escritor madrileño na cita deste ano obedece á aposta da Concellería de Cultura de Vilagarcía de Arousa por dedicar unha das xornadas do certame á relación entre a literatura e a música. Desde o departamento que dirixe Sonia Outón adiantan que nos vindeiros días farán públicos os nomes doutros importantes autores e autoras, tanto galegos como do resto de España, que participarán na cita do vindeiro mes. 

Vilagarcía, Cidade de Libro volverá contar con librarías, editoriais e colectivos literarios que exhibirán e porán á venda os seus últimos títulos. Tamén, de novo, con actos en espazos senlleiros coma Cortegada e espectáculos para todo tipo de públicos coma obras teatrais, contacontos, xincanas ou concursos baseados na literatura.