Jéssica Bouzas ultima a preparación da súa estrea no Roland Garros

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mutua Madrid Open

Tenis Confirmada no cadro da previa, xoga esta semana o Torneo Platja D?Aro

09 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O luns 22 de maio Jéssica Bouzas Maneiro ten cita en París. A falta do correspondente sorteo de emparellamentos, a tenista vilagarciá afrontará ese día a primeira das tres eliminatorias do cadro previo de Roland Garros. Un dos dous grand slam que disputou xogando na categoría sub 18, no que chegou ser semifinalista de dobres, e no que agora se estreará como xogadora profesional só catro meses despois de telo feito na cualificación do Open de Australia, no que quedou a un partido de acceder ao cadro principal.

A organización do Roland Garros confirmou as 119 xogadoras que disputarán a cualificación do torneo parisino por ránking —outras 9 faráno por invitación directa dos responsables do evento—. Para facer o corte, atendeu á listaxe da WTA con data 17 de abril, momento no que Bouzas Maneiro figuraba no posto 182 —desde este luns a arousá ocupa a praza número 176—. A galega entrou sen agobios na selección, como número 81 dun cadro de cualificación que abre a polaca Magdalena Frech, número 100 do mundo, como primeira cabeza de serie, e que remata coa serbia Marina Melnikova, 215 do ránking WTA. Jéssica ocupara o número 80 na orde de acceso ao cadro da previa do Open de Australia, grazas ao seu posto 192 no momento do filtro por parte da organización da cita oceánica, a finais do 2022.

Así pois, a vilagarciá encamíñase cara ao seu debú no torneo no que de rapaza soñaba con debutar no Grand Slam. Unha cita na que ultima a súa posta a punto recuperando sensacións logo de case dous meses, o de febreiro e o de marzo, en branco. Tras chegar este pasado domingo á final do W60 de Praga, que perdeu en tres sets coa letona Darja Semenistaja (6-2/3-6/4-6), a pupila de Javi Martí debutará mañá en terras de Girona no W25 Platja D’aro. Faráo coma cabeza de serie número 3, fronte a toda unha veterana coma Georgina García-Pérez, tamén española, que con 30 anos figura no número 509 da lista WTA tras chegar a ser a 124 en novembro do 2018. 

Os plans do equipo técnico de Jéssica Bouzas Maneiro inclúen disputar a vindeira semana a segunda edición do Open Villa de Madrid, torneo de nivel W100 que organiza o Club de Campo da capital española e que semella, sobre o papel, unha excelente pedra de toque para a galega mentres madura o seguinte salto de cara á súa consolidación entre a elite do tenis mundial; isto é, converterse nunha habitual dos master 250 e 500.

Cambio de preparador físico

Jéssica agarda poder comezar a sacar proveito do seu cambio de preparador físico. Logo de arredor de medio ano de traballo con Adolfo Madrid, que se ocupa de varias estrelas de LaLiga, a arousá púxose hai un mes en mans do preparador físico Moisés Benavente Miana, responsable entre outros da posta a punto do número 1 do pádel mundial, Juan Lebrón.