
Preto dun cento de equipos disputarán este domingo a cita contrarreloxio
04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Hai anos que o Campionato Galego Contrarreloxio de Tríatlon por Equipos elixiu Vilagarcía de Arousa coma escenario para dirimir os seus campións. No 2017, 2018 e 2019, despregando o espectáculo que conxugan a vistosidade e a plasticidade da sucesión dos seus tres segmentos de competición no centro da capital arousá. E este domingo, repetindo na liña costeira de Vilaxoán, logo da exitosa experiencia do ano pasado superada a paréntese forzosa do 2020 e do 2021 debido á pandemia.
Organizado polo Club Triatlón Vilagarcía e pola federación autonómica do seu deporte, o Campionato Galego contará con 89 equipos: 20 de categoría escolar, 35 open e os 34 séniores que optarán aos títulos absolutos, feminino e masculino. Tamén o farán os equipos escolares, non así os open, segundas, terceiras, cuartas e ata quintas escadras dun mesmo club inscrito na loita polos cetros galegos.
Durante a presentación do evento deportivo no consistorio vilagarcián en compañía do alcalde, Alberto Varela, representantes da organización informaron de que cada equipo competirá cun mínimo de 4 e cun máximo de 6 triatletas, contando para a clasificación final o tempo feito polo cuarto deles. O Triatlón Compostela e o C.T. Vilagarcía serán os clubs con maior representación, con cinco escadras cada un. Así as cousas, calcúlase en máis de 500 os deportistas que competirán este domingo en Vilaxoán.
Corte de tráfico
Os equipos da categoría escolar sairán cada 2 minutos, cubrindo 300 metros a nado, algo máis de 7 quilómetros en bicicleta e 2 a pé. Os séniores faráno cada minuto, con 750 metros na auga, 20 rodando e 5 de carreira a pé. Os nadadores sairán e chegarán da rampla do Intecmar, o segmento ciclista descorrerá pola Avenida Nogueira, Valle-Inclán e ata o cruce con Alexandre Bóveda e volta, e a carreira a pé polo paseo de Vilaxoán e a rúa Preguntoiro. Coas carreiras dos rapaces comezando ás dez da mañá, o Concello de Vilagarcía anuncia que se cortará a zona ao tráfico ás 9 horas do domingo, para reabrila a medida que finalicen os diferentes segmentos de competición.
O alcalde de Vilagarcía alegrouse durante a presentación da cita de dispoñer un ano máis do Campionato Galego Contrarreloxio por Equipos no municipio. «É un dos deportes máis bonitos de ver, porque é un dos deportes máis completos que existen; paras de nadar e tes que coller unha bicicleta, e deixas a bicicleta e tes que poñerte a correr. Así que é un esforzo titánico, pero moi agradecido para o espectador», sinala Alberto Varela, quen engade sobre a celebración do evento en Vilagarcía ao longo destes últimos anos: «Foi unha aposta do Concello e do Concelleiro de Deportes» Miro Serén, que vive o seu derradeiro mes na corporación municipal.