As Torres-Romaría Vikinga, segundo no Nacional de Medio Maratón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Podio de clubs no Campionato de España de Medio Maratón, co As Torres-Romaría Vikinga no segundo posto
Podio de clubs no Campionato de España de Medio Maratón, co As Torres-Romaría Vikinga no segundo posto cedida

A frota arousá conquistou media ducia de títulos e catorce podios no encoro das Conchas

02 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de 800 padexeiros participaron a pasada fin de semana na quinta edición do Campionato de España de Medio Maratón de piragüismo no encoro das Conchas, concello de Muíños. Unha cita con gran protagonismo arousán. Desta volta, co As Torres-Romaría Vikinga coma referente, logo de rematar na segunda posición da clasificación por clubs con 389 puntos, tan só superado polo Escuela Piragüismo Aranjuez, campión con 544.

O equipo catoirense rematou tamén segundo no cómputo das medallas, cun total de 9. Entre elas, dous títulos. O conseguido por Jairo Zurita en Canoa Cadete Masculina, copada polas Torres con Raúl Fernández segundo e con Iker Rey terceiro, e o selado polo tudense Iván Alonso no K1 Sénior. Os C2 cadetes do conxunto catoirense foron segundo e terceiro, Pedro Torrado subcampión no C1 Xuvenil. Polas Torres-Romaría Vikinga foron bronce tamén o C2 Cadete Mixto de María Busto e Martín Otero e o C2 Sénior Masculino de Fernando Busto e Diego Miguéns.

Nesta última categoría, Tono Campos e Diego Romero, do Breogán do Grove, gañaron con suma autoridade, con Óscar Graña e José Manuel Sánchez segundos a máis dun minuto. As tamén breoganistas Tania Álvarez e Marta Mourelos proclamáronse campioas no K2 Muller Sénior.

O terceiro club arousán con medallistas no Campionato de España de Medio Maratón foi o Náutico Pontecesures. E como o As Torres-Romaría Vikinga e o Breogán do Grove, con dous títulos dos seus padexeiros. Os asinados por Candela Romero e por Nerea Novo na canoa cadete e xuvenil feminina, respectivamente. Ademais, Samuel Citoula e Ainara Rodríguez foron prata no C2 Cadete Mixto.