Como alcalde, este sería un dos problemas que tería que afrontar
09 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Que si, que querería ser alcalde!. Como estou empadroado no Grove, tocaríame alí. Un dos problemas que tería que afrontar sería o do turismo. A verdade é que nese eido este municipio é digno de estudio —aquilo do que puido ser e non foi—, por varios factores que, todos eles, levan á conclusión de que estivo rexido, como outros, por unha especie de Lei de Murphy: todo o que pode saír mal, sairá mal. E saíu mal. Coa Toxa como estandarte das vilas termais, historicamente foi un dos primeiros destinos recoñecidos. Aí tivo unha base sobresaínte que lle debeu transformar nun modelo turístico impresionante. Pero cara aos anos corenta, o turismo volveuse un fenómeno de masas e colleu a esta vila sen os instrumentos necesarios para aproveitar aquel lugar privilexiado. A situación económica, social e política era a que era. Mentres tanto, Sanxenxo, municipio estremeiro, creceu especializándose nese turismo de aluvión, aínda que desde hai uns, digamos, vinte anos, evolucionou cara a ser un destino deses de «para ver e que te vexan», cos aspirantes á elite a gabárense de veranear alí; con miles de visitantes nocturnos e un incremento desmedido de poboación estival. Agora mesmo dá o lustre turístico, mentres que O Grove se rebaixou a ser un recurso subsidiario e escravo de Sanxenxo: As praias da parroquia de San Vicente —todas as do perímetro da península grovense— e, moi especialmente, A Lanzada, convertéronse en destinos para sol, baño, relax e aparcadoiro de miles de persoas e coches, nos que, deseguido, os usuarios foxen, maioritariamente, para consumir en Sanxenxo, sen que se adoptasen medidas para gravar ese uso a favor de O Grove e compensar o gasto que fai en mantemento e adecuación. Outra peculiaridade do Grove é que a inmensa maioría dos atractivos de praia e natureza están na parroquia de San Vicente, —lonxe do centro demográfico e de poder—, que está a ser invadida, invadida, por cámpings —sen que se faga ningún cálculo de soporte—. Ademais, sufriu procesos de ocupación con urbanizacións inmobiliarias: San Vicente do Mar, Pedras Negras, Balea Marítima, Montemar, Raeiros e outros con absoluta desorde, conformando contradicións rotundas entre os espazos tradicionais e estes novos núcleos de habitación espurios e temporais, mentres que as propiedades dos veciños se declararon zonas protexidas, sen valor económico, pero que resultan un valor engadido para esas urbanizacións. O tipo de turismo maioritario no Grove denomínase extractivista; un concepto nacido por comparacións coas actividades mineiras, porque extrae recursos da Natureza. O extractivismo inmobiliario, como ocorre noutros litorais, acumula edificacións no litoral e privatiza as súas amenidades: vistas ao mar, achegamento ás praias. Por exemplo, o asentamento de Balea Marítima construíuse sobre dunas e, nalgúns casos, en bens comúns. Os estudosos deste fenómeno din que neste eido esquilmar dáse cando un ben común —paisaxe, natureza— resulta despoxado, intervido, sobreutilizado e antropizado polo sector inmobiliario, a través de ocupacións edificatorias, pero tamén doutros usos. Á situación actual chegouse pola nefasta planificación propiciada desde o Estado, a Comunidade Autónoma e, principalmente, desde o Concello. Todos eles, uns na teoría e outros na práctica, ampararon á actividade turística facendo planificacións á súa medida, como se os recursos que privatiza fosen produtos de consumo. Ademais a tendencia que impón esta pitoña visión economicista do turismo é a de urbanizar todo, cando o turismo está a xirar cara outro lado. Cada vez menos a sociedade actual enfoca o valor da Natureza en función do valor edificatorio. Pero, agora mesmo, ese valor edificatorio é maior se está a carón de zonas protexidas que se extraen das propiedades dos veciños, sen que estes participen en ningunha plusvalía. Tería que ser un alcalde duro.