O Conselleiro de Cultura supervisa as melloras de infraestruturas e fondos de Valga e de Vilanova

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Rodríguez pasou polo Museo da Historia e a biblioteca municipal de Valga, nos que se investiron recentemente 90.000 euros

04 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou onte os concellos de Valga e de Vilanova de Arousa para comprobar o uso das achegas económicas do seu departamento coas que ambos os dous veñen de mellorar as instalacións e os fondos culturais de cadansúa localidades.

Rodríguez pasou polo Museo da Historia e a biblioteca municipal de Valga, nos que se investiron recentemente 90.000 euros. No caso do museo, a partida autonómica permitiu a ampliación de salas, dotándoas de contidos complementarios aos xa existentes, xunto cun novo sistema de iluminación. No caso da biblioteca municipal de Valga, Cultura contribuíu á creación dunha nova sala de consultas, de lectura e de estudo tanto para a realización de traballos escolares coma de investigación académico-científica. Deseñada para usos múltiples, o novo espazo está aberto tamén a servir de escenario a actividades culturais coma obradoiros literarios ou contacontos infantís. Un almacén completa a nova dotación.

Tamén onte, Román Rodríguez cursou visita á Casa-Museo Irmáns Camba de Vilanova de Arousa. Neste caso, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o conselleiro puido comprobar sobre o terreo o destino dos 55.000 euros investidos na ampliación dos fondos do museo co gallo do 60 aniversario do pasamento de Julio Camba. 68 libros da biblioteca persoal dos irmáns Camba, revistas, cartas e tarxetas postais manuscritas, fotografías e outros documentos persoais conforman o novo paquete de bens adquiridos pola Xunta para reivindicar o valor literario dos ilustres vilanoveses.