Catoira organiza este sábado un Obradoiro de música represaliada

La Voz CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

Xurxo Souto, infatigable, coas cantareiras que atopou na Arousa
Xurxo Souto, infatigable, coas cantareiras que atopou na Arousa Mónica Irago

Xurxo Souto coordina un acto que pretende recuperar os proxectos e os nomes de artistas que foron condenados polo franquismo

23 mar 2023 . Actualizado a las 13:25 h.

O próximo sábado, ás sete da tarde, o polifacético artista Xurxo Souto impartirá un obradoiro sobre Música Represaliada na Sala Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos de Catoira. O obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.

Partirase de diferentes testemuños orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas da súa contorna. Esta actividade encádrase no programa O pasado por vir, da Deputación. A entrada é libre ata completar aforo.

Xurxo Souto é cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto.