Vilagarcía homenaxeará a Celestino Brianes o sábado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Colocarase unha placa co seu nome na piscina de Fontecarmoa

23 mar 2023 . Actualizado a las 09:58 h.

O vindeiro sábado completarase a homenaxe do pobo de Vilagarcía a Celestino Brianes Lojo, unha persoa que ligou boa parte da súa vida á defensa, promoción e organización do deporte local. Será mediante o acto de colocación dunha placa co seu nome na entrada principal da piscina municipal de Fontecarmoa, un acto que terá lugar ás 12 do mediodía, e que contará coa presenza dos membros da Corporación Municipal, do Consello Reitor da Fundación Municipal de Deportes, do Club Natación e Salvamento e doutros colectivos deportivos e sociais do municipio que acompañarán á familia de Celestino neste sentido tributo a súa labor e a súa persoa.

Apenas dous meses despois do seu falecemento en novembro de 2018, o Concello de Vilagarcía acordou en pleno denominar a Piscina Municipal de Fontecarmoa como «Piscina Municipal Celestino Brianes Lojo», concluíndo así o proceso iniciado coa proposta realizada pola Alcaldía uns días despois da inesperada morte de Brianes e a posterior aprobación da mesma na Xunta de Goberno e no Consello Reitor da Fundación Municipal de Deportes.

Dende ese día, a piscina de Vilagarcía levaba oficialmente o nome de Celestino Brianes. So faltaba a colocación da placa e a homenaxe pública correspondente, acto que se foi pospoñendo, primeiro debido á pandemia e despois ás futuras obras de ampliación, actuación, por certo, defendida por Brianes como representante do club de Natación.

O goberno local decidiu non esperar máis —as obras aínda van levar o seu tempo— para facer constar de forma visible nas instalacións deportivas o nome de Celestino, coincidido coa presentación do proxecto de ampliación da piscina que tanto lle compracería ver executado.

Celestino Brianes Lojo é unha persoa clave para entender o deporte local nas últimas décadas. Tal como se fixo constar no seu día na proposta da Alcaldía, aínda que a súa labor será dificilmente esquecible para todos aqueles que practicaron ou coñeceron o deporte local nas últimas décadas, é preciso que a súa figura e a súa obra sexan recordadas no propio complexo deportivo de Fontecarmoa como agradecemento de todos os vilagarciáns pola súa dedicación aos demais, pero tamén como exemplo para futuras xeracións.