Mecos gaña a Bandeira Porto de Vilagarcía feminina e Samertolameu a masculina

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O equipo anfitrión, o CR Vilaxoán, que levaba tres anos sen competir, reapareceu con media ducia de bateis ante a súa afección

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun vento de noroeste que dificultou un tanto a remada, sobre todo entre os máis cativos, a Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía trouxo na tarde de onte o groso da frota da Territorial Sur ás augas do peirao de Vilaxoán. Foron case un cento as embarcacións que saíron á auga, facendo as delicias dos afeccionados ao remo. A bandeira feminina quedou na ría de Arousa, co CR Mecos probándose acredor da súa posesión. A masculina foi parar ás vitrinas da SD Samertolameu de Meira.

Mecos presentou o mellor batel en dúas das tres categorías femininas. Na raíña, a absoluta, impúxose en 10.48,77 en dura pugna coa embarcación de Chapela, que entrou tan só 1,26 segundos máis tarde en meta. As alevíns do club grovense tamén foron as mellores, no seu caso con moita claridade, gañando en 2.33,34, con case 10 segundos de vantaxe sobre as súas rivais de Chapela. Os podios femininos do CR Mecos completáronos o batel cadete, segundo a 12,10 do gañador, Samertolameu, e o xuvenil. Nesta última categoría, a 4,38 do veciño Amegrove CR, vencedor cun crono de 11.07,78.

Nas seis regatas masculinas, Vila de Cangas gañou en alevíns, Samertolameu en infantís e xuvenís, Bueu en cadetes e sub 23 e Chapela en sénior. Mecos conseguiu os terceiros postos nas regatas infantil e xuvenil, idéntico resultado ao asinado polo primeiro dos dous bateis absolutos presentados polo CR Vilaxoán.

O regreso do club vilagarcián á competición tres anos despois, con media ducia de tripulacións, foi a mellor noticia recollida da Bandeira Porto de Vilagarcía.