O Asmubal asegúrase outras dúas semanas no posto de promoción

Pablo Penedo Vázquez
PaBLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Sumou á súa aplastante vitoria sobre o Rocasa B dous bos terceiros resultados

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Advertía o día anterior o técnico do Inelsa Solar Asmubal Meaño do seu temor a un exceso de relaxación das súas xogadoras na visita do Rocasa Gran Canaria B ao parqué de Coirón. Nin un minuto tardaron as meañesas en sacar de dúbidas a Juan Manuel Costas. Ata o punto de sobrarlles dous terzos de partido para demostrar a súa insultante superioridade fronte a un rival co que se cobraron cumprida revancha; da fase de ascenso do 2022, e do empate en cancha canaria.

O 42-31 final non foi maior pola simple inercia dun encontro que rematou convertido nun pasarrúas no momento no que os dous adestradores entenderon estar ante a ocasión propicia para darlles minutos ás súas xogadoras menos habituais. Para o Asmubal, dous puntos enriquecidos polas derrotas onte de dous dos catro rivais que, a falta xa só de tres xornadas para a conclusión da fase regular da Liga, optan a roubarlle o segundo billete á fase de ascenso a División de Honra Ouro Feminina: a esperada, inda que do máis axustada do Carballal ante o líder Lanzarote, 29-30, e a sorprendente do Porriño en Siero, 27-23. Resultados cos que o cadro do Salnés se asegura a segunda praza da clasificación tanto esta semana que vén como a seguinte, inda de caer na vindeira xornada na cancha dun Lanzarote na promoción de ascenso desde hai bastante tempo tras non ceder máis ca 2 puntos nas 23 xornadas de Liga xogadas ata hoxe.

Puido parecer que o Rocasa Gran Canaria B fora poñerlle as cousas difíciles ao Asmubal Meaño vendo o seu aparente acerto de inicio. Yamiley Gómez abriu o marcador e Rosana Montesdeoca puxo pouco despois o 1-2. Pero o conxunto insular non tardou en demostrar o ben estudado que o tiña o adestrador local. Apenas catro minutos necesitaron as xogadoras locais para asentar a súa férrea defensa en 6-0 e parar en seco a produción ofensiva canaria. A convalecencia esta semana por un proceso gripal de Vanesa Domínguez, impedíndolle adestrar, non se observou por ningures, e a súa dupla con Cárol Ferreira no centro do arco de contención meañés mantivo a súa diamantina solidez de sempre.

A primeira exclusión visitante, de Nerea Guerra no minuto 4.37, marcou o inicio do avance imparable do Asmubal. Cun gol de Laura Miniño poñendo por primeira vez por diante as arousás no minuto 4.43, e coa porteira Lorena Ligero castigando co 4-2 de lado a lado da cancha a ousadía canaria de encarar unha inferioridade atacando con seis sen ninguén baixo paus.

As penetracións de Eli Méndez resultaron un pesadelo para o Rocasa B, que comezou a encaixar a maiores máis e máis goles polas facilidades que lle concedeu ao Asmubal á hora de armar rápidos balances defensa-ataque. No minuto 22.50 as de Costas subían o 17-7, chegando ao 23-11 ao descanso. O demais, cunha máxima diferenza de 16 na segunda parte, sobrou.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (42): Lorena Ligero (1), María Currás (4), Sofía Arangio (5), Eli Méndez (10), Agustina Ballada (1), Sabela Miniño (6) e Cárol Ferreira (5) —septeto titular—; Lucía Caneda, Andrea Cores (2), María del Carmen Vera, Laura Miniño (8), Paula Rey e Vanesa Domínguez.

ROCASA GRAN CANARIA B (31): Nerea Lorenzo, Nerea Guerra (7), Alba Gómez (4), Marta Siñol (5), Yamiley Gómez (6), Rosana Montesdeoca (2) e Susana Martín —septeto titular—; Valeria Martín (5), Tayri Sánchez, Ainara Quevedo, Aruma Munguia, Ada Aparicio, Sheila Martín e Ángela Torres (3). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 8-4, 11-6, 14-6, 18-9, 23-11 (descanso); 25-13, 30-15, 34-18, 36-23, 38-26 e 42-31.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Marcos Pérez e Alberto Fernández. Castigaron con 2 minutos as xogadoras locais Sofía Arangio (min 33.22) e Andrea Cores (34.39), así como as visitantes Nerea Guerra (min 4.37 e 41.20), Marta Siñol (23.28) e Ainara Quevedo (36.40).