A armada arousá , ao asalto do Campionato de España de Inverno

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CARMELA QUEIJEIRO

Diego Romero, Manuel Fontán, Nerea Novo e Pedro Torrado encabezan os 44 padexeiros en Sevilla

18 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coas primeiras citas do calendario galego a modo de pretemporada, o piragüismo arousán inicia hoxe o calendario nacional. Faino con 44 padexeiros desprazados a Sevilla para disputar o Campionato de España de Inverno de categorías Júnior, Sub 23, Sénior, Máster e Paracanoe. Unha cita sobre 5.000 metros que, só naquelas contadas modalidades e categorías con máis de 70 inscritos, oito este ano, se dirime o nome dos outros tantos finalistas en semifinais sobre 3.000 metros.

O As Torres-Romaría Vikinga de Catoira é o cuarto equipo galego con maior presenza na cita sevillana. Dezaseis dos seus deportistas buscan puntuar para o seu club na que é a primeira proba oficial da Liga Nacional de Esprint, algúns, con serias opcións de medalla. Este último é o caso de Pedro Torrado e de Kevin Longo no C1 Júnior, co primeiro defendendo título. Ademais, nas filas vikingas teñen postas tamén esperanzas nas posibilidades de Fernando Busto, no C1 Sénior, e da súa gran fichaxe este curso, o tudense Iván Alonso, no K1 Sénior.

O Náutico O Muíño de Ribadumia viaxou ao Nacional de Inverno con 9 padexeiros. As súas maiores esperanzas están depositadas nas opcións de Manuel Fontán e de Carlos Gutier Picón no C1 Sub 23.

Dos 7 competidores inscritos polo Breogán do Grove, os canoístas Diego Domínguez, na categoría Sub 23, e Diego Romero e Tono Campos, na Sénior, aspiran a revalidar a súa presenza no podio do ano pasado; Diego, pelexando por relevar o seu irmán Noel, este ano xa sénior, no máis alto do caixón.

Con 5 padexeiros cada un se presentan o Náutico Pontecesures e o Piragüismo Illa de Arousa en augas sevillanas. O equipo do Baixo Ulla acode capitaneado no C1 Júnior por Nerea Novo, internacional de maratón o ano pasado e vixente campioa galega de inverno. No da Illa sobresaen os dous caiaquistas júniores Lucía Tenreiro e Antón Dorado.