O Asmubal Meaño multiplica por dous o seu triunfo en Fuentes Carrionas mentres volven os seus desencontros co Concello

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O 25-31 en cancha palenciana coincidiu coa inesperada derrota do Valladolid. O club reclámalle ao goberno local 15.000 euros pendentes de cobro en axudas municipais

13 mar 2023 . Actualizado a las 21:39 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño sumou o pasado sábado a súa sétima vitoria consecutiva. Un triunfo en terras de Palencia sobre o CDB Fuentes Carrionas, 25-31, multiplicado por dous tras o inesperado tropezo do Hand Vall Valladolid no seu propio feudo a mans do SAR Rodavigo (27-29). Deste xeito, o cadro meañés deixa de ocupar a segunda praza da clasificación do Grupo A da División de Honra Prata Feminina de maneira virtual, ao sacarlle agora 3 puntos a un cadro vallisoletano cun partido menos disputado, e consolídase á fronte da pelexa por acompañar ao xa campión da Liga, Lanzarote-Puerto del Carmen, á vindeira fase de ascenso.

Instalado na zona media da táboa e ata hai un par de semanas na loita que hoxe encabeza o Asmubal, o Fuentes Carrionas resistiu o ímpeto que acompaña o cadro galego desde hai meses o que as pupilas de Juan Manuel Costas tardaron en acabar de axustar a súa defensa. O muro levantado unha xornada máis por Vanesa Domínguez e por Cárol Ferreira no centro da 6-0 meañesa resultou infranqueable para a primeira liña palenciana. Ao descanso o 11-14 comezaba a apuntar o que viría na segunda parte.

Cinco minutos tardou en rematar de marcar o territorio o Asmubal á volta dos vestiarios (13-18). Os moitos fallos no lanzamento da primeira media hora deixaron paso a un maior acerto de cara a portería do Fuentes Carrionas, chegando a un 22-30 a cinco minutos da conclusión con Eli Méndez dando outra mostra do seu crecemento semanal en labores de anotación, con 8 tantos. Este sábado, ás 20 horas, o Asmubal recibirá o Rocasa Gran Canaria.

FICHA DO PARTIDO:

CDB FUENTES CARRIONAS (25): Marina Yuan Vega, Marina González (9), Sara Alonso (6), Salma Villafañe, Valentina Estrada (6), Deva Quintana (2) e Alba González (1) —septeto titular—; Luna Vega, Ana Hompanera (1), Isabela Hernández, Anais Vidales, Alba García e Sara del Ganso.

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (31): Lorena Ligero, Andrea Cores, Sofía Arangio (4), Eli Méndez (8), Agustina Ballada (5), Sabela Miniño (3) e Cárol Ferreira (2) —septeto titular—; María Currás (1), Lucía Caneda, Andrea Cores, María del Carmen Vera, Laura Miniño (7), Paula Rey e Vanesa Domínguez (1). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 4-4, 5-6, 8-8, 9-11, 11-14 (descanso); 13-18, 14-19, 18-22, 20-25, 22-30 e 25-31.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Paula Ramos e Gabriela Marinela. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Salma Villafañe (min 39.52), Valentina Estrada (47.03) e Sara Alonso (52.52 e 58.59); e a visitante Cárol Ferreira (min 16.27).

O club reclámalle ao goberno local o cobro de 15.000 euros de axudas municipais

A brillante marcha do primeiro equipo do Asmubal Meaño contrasta coas dificultades económicas que, fixo este luns público a súa presidenta, Silvia Lobato, atravesa o club. Dificultades que Lobato cifra nos 15.000 euros de axudas municipais que a entidade deportiva segue sen percibir do Concello de Meaño cando deberían de levar meses ingresados nas súas contas a fin de afrontar os moitos gastos federativos que acompañan tanto o conxunto de División de Honra Prata Feminina como os equipos da ampla canteira do Asmubal.

Silvia Lobato sinala que a 13 de marzo o club «segue sen ter cobradas por parte do Concello de Meaño a subvención nominativa correspondente aos gastos do 2022, que ascende a 3.500 euros e para a cal tivemos que xustificar máis de 7.000 en facturas pagadas. Tampouco o convenio da escola base, de 6.500 euros, que temos xustificado con facturas de gasto pagadas no 2022. E tampouco o convenio de competición oficial que prometera o alcalde hai dúas temporadas cando volveramos a categoría nacional, e que nin sequera nos foi remitido para a súa firma».

A presidenta do Asmubal sinala que os predecesores do actual alcalde pagaban as subvencións non máis aló do 31 de decembro do ano dos gastos xustificados que acompañan ao papeleo das axudas. Lobato pide o seu ingreso inmediato e o envío urxente do convenio pola participación do Asmubal na DHP Feminina, cuxa Liga rematará nun mes.