Do procedemento administrativo de Adro Vello rematado

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

LETICIA CASTRO

O BOE vénd e publicar a declaración de BIC do xacemento e de toda a súá contorna

12 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O BOE do 9 de marzo publicou a declaración de BIC de Adro Vello e da súa contorna. É o remate dun proceso administrativo, complexo, que a Consellería de Cultura iniciou en febreiro do 2022 para a declaración como BIC da zona arqueolóxica de Adro Vello, en San Vicente do Grove, abarcando na zona de protección o castro do Castriño, a concentración de fábricas de salga do Carreiro, A Barcela e Sineiro e a igrexa, ata o chamado cruceiro de Xan Vidal. Un área concentrada na que queda resumida a historia de Galicia, coa posibilidade de que tamén aparezan ocupacións neolíticas, desde esa época ata o século XX, de xeito ininterrompido.

Non coñezo ningún outro lugar na nosa comunidade autónoma no que se poida contemplar nun espazo tan reducido, materializado, ese tan extenso percorrido histórico. Para chegar a esta declaración houbo moitas persoas que foron pondo o seu gran de area —non teño espazo para nomealas a todas—: para empezar, hai que louvar a actitude positiva de San Vicente en xeral, que incluso a través dunha asociación de veciños que presidía Manuel Dopico mostraron desde o principio a súa conformidade coa investigación, pero protestaron polo maltrato dos restos óseos dos seus antepasados —hoxe, algúns repartidos en caixas nun soto da Facultade de Medicina de Santiago—; e, desde o meu recordo, teño que mencionar ao mestre de tantas xeracións de San Vicente, Ángel Vázquez Hereder, que foi o primeiro en facer saber ao Museo de Pontevedra da importancia deste xacemento arqueolóxico, e despois Elías Lamelas Fariña, xa desde os seus tempos de estudante.

Moitas outras persoas como Javier Sanmartín, que participou nas primeiras escavacións, ou o recentemente falecido Juan Vidal, que mantivo os documentos que testemuñan a construción da capela lateral no XVIII e, ultimamente, a Asociación Barlovento que organizou unhas xornadas sobre as prospeccións do 2022, que, por certo, proseguirán dende maio do 2023; e outras, como Francisco López e Juan Ventura Martínez, que axudaron a impulsar este proceso.

Pero hai dous nomes que quero resaltar: en primeiro lugar o do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, perfecto coñecedor da riqueza e da importancia de Adro Vello, que impulsou activamente esta declaración de BIC e achegou fondos para as campañas do 2022 e do 2023, que culminarán coa elaboración dun plan director, para iniciar unha futura musealización que será posible nun prazo duns dous anos. O outro artífice que hai que nomear é o arqueólogo Adolfo Fernández, profesor da Universidade de Vigo, director das campañas de escavación, que encabeza un equipo integrado por expertos das universidades de Vigo, Santiago, Coruña, Porto e León, para construír un relato científico actual que culmine nun espazo museístico, sen prexuízo de ter publicado xa as primeiras conclusións científicas. Deste equipo multidisciplinar, que ademais ten unha visión contextualizada de Adro Vello con prospeccións en Vigo, Ons e Sálvora, é obrigado destacar o seu nivel científico, pero tamén o extraordinario cariño co que levan a cabo os seus estudios. Gracias a todos eles.

E agora déixenme rematar describindo un desexo persoal: que o Concello do Grove, que ten no seu territorio este BIC tan sobranceiro, inundase os periódicos de notas de prensa resaltando esta declaración de BIC, fixese un comunicado oficial público poñendo en valor este xacemento, enchese as súas páxinas webs oficiais mostrando o orgullo de ter este BIC, achegase propostas para que se transforme nun museo visitable e incluso nun atractivo turístico, iniciase os trámites para elaborar un plan especial, contratase o mantemento da contorna, en fin: que se convertese no líder para articular o futuro. Si, si, que amosase alegría e orgullo. Bueno, xa saben, ás veces soñar co que debería ser e non é, resulta un placebo para que a constatación da actitude de quen nos representa non nos amargue.