
Abrirá este sábado o ciclo de espectáculos programados para o primeiro semestre do ano polo Concello de Vilagarcía e a Agadic a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
08 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Smoke on the water» abrirá este sábado o ciclo de espectáculos programados para o primeiro semestre do ano polo Concello de Vilagarcía e a Agadic a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Chega o rock&roll o auditorio de Vilagarcía da man de Ibupofreno Teatro e de Josito Porto, o vilagarcián que actúa como protagonista. Hai teatro e hai música e con eles moita das cousas nas que se fala no teatro e na música. Hai drogas, hai morte, hai amor, un chisquiño de sexo (ou moito, dependerá de para quen)... hai historias, en definitiva.
Josito Porto é Ritchie, de quen di a sipnose da obra que vive «ancorado no rock&roll dos 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. Este «status quo» absurdo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie. A intervención de Joan Baez, empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie e clienta de Álex, propicia un final pateticamente feliz ao enredo amoroso-financeiro entre este grupo de seres humanos fracasados, torpes, perdedores, frustrados, desgastados e maltratados pola vida, que provocan tenrura e compaixón».
Belén Constenla, Adrián Ríos e María Costas forman con Josito Porto un reparto no que a parte musical da obra vai da man de Mon Orencio.
As entradas para asistir ás funcións deste ciclo do Concello de Vilagarcía e de Agadic teñen un prezo reducido de 5 euros, ofertando o Concello o prezo especial de 3 euros para cos colectivos de xoves, persoas maiores e desempregados. Os beneficiarios destes descontos deben acreditar a súa condición á entrada da representación presentando o carné xove, o DNI e a tarxeta de desempregado respectivamente.
Os billetes pódense adquirir de forma anticipada a través de http://www.ataquilla.com (máis custes de xestión). De non esgotarse, tamén se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do Auditorio dende dúas horas antes do inicio do espectáculo.