Carlos Chaves: «Se hai cartos para a catedral tamén ten que habelos para a cultura marítima»

AROUSA

A consecución dunha mariña tradicional na Illa é prioritaria no plan trazado pola nova directiva da asociación Dorna
02 feb 2023 . Actualizado a las 08:08 h.A Asociación Cultural e Deportiva Dorna (A Illa) estreou o sábado nova directiva con Carlos Chaves Otero como presidente, e faino cunha morea de proxectos. Aparte de darlle nome, a navegación tradicional constitúe un dos piares desta asociación, e en Dorna non van deixar esmorecer, nin moito menos, a súa sección estrela. A pesares de ter a frota máis importante de Galicia, na Illa seguen sen dispor dun lugar fixo e axeitado para a súas embarcacións, un espazo onde atracalas e con servizos que actúe como museo flotante deste patrimonio cultural. É o que se dá en chamar unha mariña tradicional, que Dorna leva anos chamando ás portas da Xunta de Galicia sen que o proxecto, más alá das boas palabras, acabe de materializarse.
Carlos Chaves cre que chegou o momento de darlle outra volta ao temón: «Se hai cartos para a catedral ten que habelos tamén para o cultura marítima. Hai que mover este asunto, se fai falla indo ao parlamento para pedir unha lei de protección do patrimonio marítimo».
Nesta loita estivo durante anos Salvador Allo, o ex presidente saínte do cargo, e seguirase nos vindeiros anos co empurre que están a imprimir Xoel, Xosé e Héctor desde a sección de vela da asociación. Actualmente están a preparar un proxecto que servirá de documento base á hora de dirixirse ás distintas administracións na procura de máis atención para o seu patrimonio marítimo. Unha das propostas que está sobre a mesa é a de solicitarlle a Portos permisos para poder empregar os mortos en desuso que existen na enseada do Xufre para poder amarrar alí os barcos de maior porte da asociación. En Dorna seguen apostando por este enclave para instalar a mariña tradicional porque, fronte á opción que tamén se manexou do Cabodeiro, o mar que mira ao Cantiño está no epicentro da actividade social e turística do pobo, especialmente no verán,
Queixase Chaves Otero de que a asociación Dorna «está falta de cariño» e pide máis atención por parte da Xunta e do Concello, especialmente no que atinxe ao mantemento das seccións culturais. En Dorna non só coidan da cultura tradicional a vela e a remos, que tamén. Desde hai anos contan con grupos de baile e música tradicional e crearon un grupo creado especificamente para revivir a vertente máis popular do entroido, do Día das Letras Galegas e outras festas. «Desde o Concello non se lle dá ningún mérito á labor cultural que fai Dorna e hai que darllo», indica Carlos Chaves.
O obxectivo e que estes proxectos non se perdan polo camiño, como pasou no seu día co tenis de mesa, o fútbol gaélico ou sección audiovisual. Lonxe quedan os arredor de 600 socios que chegou a ter Dorna —actualmente conta cuns 400—. Pese a todo, o novo presidente opina que a asociación está a vivir «un bo momento» e cita o caso da sección de baloncesto, que agrupa a 150 rapaces.
O xadrez tamén resiste —sección que coñece ben Chaves Otero desde os seus inicios— e as portas están abertas para incorporar novos proxectos, tanto deportivos como culturais.
Pero non se pode crecer sen poñer un pouco de orde, e iso pretende facer a nova directiva: facer reconto de socios, un inventario dos bens dispoñibles e recuperar a memoria da asociación co fin de reconstruír o case medio século da súa historia a través dun arquivo que está disperso ou perdido. «Desapareceu case todo, faltan actas, faltan fotos... a miña idea é xuntar aos membros constituíntes e investigar sobre o xerme de Dorna».
Nos dous anos que ten por diante de mandato non lle vai dar tempo. Quizais en catro, apunta Chaves. O seu é un proxecto a longo prazo que non fixo máis que empezar.