O AF7 expón en Bélxica o seu modelo ante varios dos maiores torneos de Europa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Convidado pola Academia do KRC Genk, participou na segunda edición do Top European Tournament Event

18 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Representado por Alberto Diz, o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 participou a pasada fin de semana na segunda edición do Top European Tournament Event. O encontro que organiza a Academia do KRC Genk, líder da Primeira División de Bélxica, no que reúne a delegados de varios dos mellores torneos de fútbol base de Europa, desde categoría Sub 10 á Sub 17, para compartir as súas experiencias e metodoloxías, os seus acertos e as súas aprendizaxes.

Así, ademais de escoitar o sistema de traballo da Academia do KRC Genk, da que saíron xogadores do nivel de Kevin de Bruyne, Thibaut Courtois ou Yannick Carrasco e que inviste unha alta porcentaxe dos traspasos dos seus futbolistas na propia academia, Alberto Diz coñeceu de preto como funcionan a Izmir Cup de Turquía, celebrada nunha cidade de 4,3 millóns de habitantes, a Enea Lech Cup de Poznan, Polonia (medio millón), a Kevin de Bruyne Cup de Gante, Bélxica (250.000 habitantes) ou a Puskas Cup de Budapest, Hungría (1,7 millóns).

Presentada polo director da Academia do KRC Genk como a Champions League Sub 12, o AF7 espertou especial interese entre os asistentes ao Top European Tournament Event, que preguntaron como é posible organizar un torneo do seu nivel e calidade nunha localidade, Ribadumia, tan pequena e dunha rexión non moi ben comunicada. Pero sobre todo, o que maior debate, curiosidade e aplausos suscitou foi a fase previa do AF7, con 80 equipos modestos dos que catro rematan competindo con varias das mellores canteiras do fútbol europeo na fase final.