A Xunta escolle unha pequena adega de Vilagarcía como exemplo do potencial enoturístico de Galicia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria loou o modelo de organización de visitas e de eventos co viño coma eixo central do pazo vilagarcián

13 ene 2023 . Actualizado a las 12:19 h.

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, quixo visibilizar onte publicamente o potencial do sector galego do viño como elemento dinamizador do territorio e, tamén, coma creador de riqueza. Fíxoo tirando da mellor das maneiras de facer ver o que se quere dicir, con imaxes que valen máis ca mil palabras. Neste caso, visitando dúas adegas das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas.

Logo de achegarse ás instalacións de Adegas Petrón, en Sober, pola tarde José Luis Cabarcos salientou sobre o terreo o labor da pequena adega do pazo de Rubiáns como exemplo do traballo que tanto nela como en cada vez máis firmas vitivinícolas do país se está a facer por converter a Galicia nun referente enoturístico non só a nivel español, senón tamén internacional.

Neste sentido, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria loou o modelo de organización de visitas e de eventos co viño coma eixo central do pazo vilagarcián, e a súa contribución a promocionar e diferenciar a comunidade como un destino turístico de primeiro nivel. Unha promoción que, lembrou Cabarcos, figura na estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas de Galicia impulsada pola Xunta.