O Arousa chega ao ecuador no vagón de cabeza e con boa marxe de mellora

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Acabar de recuperar os xogadores diferenciais e adaptarse á Lomba, claves de futuro

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa non foi quen de rematar o pasado domingo a primeira volta cun triunfo sobre o Rácing Vilalbés que o tería elevado á segunda praza provisional do Grupo 1 da Terceira RFEF. Con todo, chegados ao ecuador da Liga, o balance do cadro dirixido por Luisito resulta prometedor. Por dúas razóns.

A primeira delas, o excelente punto do que parte agora, terceiro na táboa a tan só un punto do Racing Vilalbés e 5 por debaixo do líder, o Deportivo-Fabril, que de rematar hoxe o campionato regular faríase co único ascenso directo en xogo. Cinco puntos son, tamén, o colchón do que dispón o cadro vilagarcián respecto ao sexto equipo da Liga, a U.D. Ourense, neste momento ás portas da zona con dereito a participar na fase da que sairá o representante galego na vindeira promoción á Segunda RFEF. A posición do Arousa é froito de sete vitorias, seis empates e tan só dúas derrotas. Estas últimas, a mans do líder, 2-1, na terceira xornada, e o 6 de novembro 3-1 ante un Viveiro daquela en zona de descenso, no que foi o golpe máis duro encaixado polo cadro arlequinado ata o momento, pero tamén un toque de atención que acabou de facerlles ver aos de Luisito a extrema igualdade desta Terceira RFEF.

Co terceiro mellor rexistro tanto ofensivo (22 goles a favor) coma defensivo (13 en contra) da Liga, o Arousa ten un segundo bo motivo para o optimismo de cara a segunda volta que comezará esta fin de semana e que decidirá o éxito ou o fracaso do seu intento de retornar á primeira de cambio á Segunda RFEF. E é que son varios os xogadores diferenciais incorporados o pasado verán que inda están comezando a ofrecer o que se espera deles. Na liña de creación, o canario Abel Suárez chegou falto de preparación e, polas súas características técnicas, na Lomba segue a sufrir para render ante o pésimo estado do terreo de xogo. Tamén na medular, Brais Pedreira, chamado a ser o organizador do Arousa, apenas puido entrar en acción ata hoxe (210 minutos) polos seus problemas físicos, situación que por fortuna para o equipo semella ter deixado atrás Sylla, autor do empate ao Vilalbés.

Da capacidade de adaptación ao desfeito céspede da Lomba, que a Fundación de Deportes semella non ir recuperar tampouco este curso, dependerá tamén parte importante das opcións finais de ascenso do Arousa.