Ballet, fotografía, poemas e música enchen a oferta cultural de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Clara Pino presentará un poemario en Vilagarcía
Clara Pino presentará un poemario en Vilagarcía MARTINA MISER

Este venres haberá varias citas e o martes actúan os alumnos da escola de música

15 dic 2022 . Actualizado a las 16:23 h.

A fin de semana chega a Vilagarcía cargada de actividades culturais. Ballet clásico, fotografía sobre a natureza e poesía son as temáticas das tres propostas das que os vilagarciáns poderán gozar este venres. A primeira, «Fotonatureza» que Ramón Encisa inaugura ás 20.30 horas na sala Antón Rivas Briones, ofrece unha selección de algunhas das súas mellores imaxes nunha mostra que invita a reparar nas pequenas marabillas que a natureza ofrece: bolboretas, paxaros, flores, fungos ou insectos.

Á mesma hora pero no Salón García, Clara Pino, deixa por un momento a faceta musical para presentar o poemario Fenómeno Fan, unha obra que ilustra o pintor Xavier Magalhaes. A entrada a este acto é libre e de balde ata completar aforo.

E para rematar a xornada, o auditorio acolle a partir das 21 horas a actuación do Ballet de Kiev que porá en escena O Cascanoces, unha obra que conta co atractivo da música de Tchaikovshy. Esta representación ten un punto solidario xa que por cada entrada vendida a promotora do espectáculo doará 1,5 euros á Unicef ara apoiar o traballo que a oenegué está a desenvolver en Ucraína. As entradas para esta función pódense adquirir a través de www.ataquilla.com ao prezo único de 21 euros (máis custes de xestión). De non esgotarse antes, tamén na billeteira do auditorio a partir das 19 horas.

Pola súa banda, a escola municipal de música Bernardo del Río de Vilagarcía pechará o trimestre co Concerto de Nadal. A cita terá lugar o vindeiro martes, 20 de decembro, a partir das 19.30 horas no auditorio, e a entrada é libre e de balde ata completar aforo. Profesores e educandos invitan a todo o mundo, especialmente ás familias do alumnado, a asistir a este entrañable concerto co que, ademais de dar a benvida ao Nadal mediante a música, poderán comprobar a evolución e os avances que os alumnos teñen adquirido.

O repertorio fará un percorrido polas panxoliñas tradicionais e populares más representativas, tanto en España como noutros países do mundo. No concerto intervirán diferentes agrupacións instrumentais, varios coros formados por alumnos de linguaxe musical e polo alumnado do último curso de música en movemento.