A Illa ofrecerá formación á veciñanza a través dunha Aula Mentor

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Estará ubicada na biblioteca municipal

13 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ministerio de Educación y Formación Profesional concedeu ao Concello de A Illa unha subvención de 4.000 euros para poñer en marcha unha Aula Mentor, un espazo formativo pensado para persoas de calquera idade que teñan interese en mellorar a súa cualificación profesional e ampliar as súas posibilidades de acceso ou adaptación ao mercado laboral.

Este novo espazo estará na biblioteca municipal e terá un horario propio que será asignado para as persoas matriculadas nalgún dos cursos ofertados. Tanto o alcalde de A Illa, Carlos Iglesias, como a concelleira de Cultura, Rosi Viana, destacaron a importancia de poder complementar desde a localidade a oferta formativa orientada a todos os niveis para facilitar tanto a adaptación á transformación dixital que están a rexistrar todos os sectores como a que as persoas interesadas en facelo poidan adquirir competencias axeitadas para o exercicio de determinadas profesións. «É unha moi boa noticia para a poboación da Illa ter a oportunidade de mellor a súa formación e por tanto as súas opcións cun catálogo de cursos extensísimo e que poden desenvolver sen saír do municipio», apunta Rosi Viana.