A cambadesa Uxía Rodríguez estrea palmarés mundial cun bronce en dobre minitramp (DMT)

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RFEG

Quedou a unha décima da prata na gran cita de Bulgaria, logo de ter entrado ademais na final de tumbling

25 nov 2022 . Actualizado a las 23:05 h.

Hai un ano, Uxía Rodríguez Fernández sufríu a que, quizais, teña sido a maior decepción na súa inda curta traxectoria deportiva na ximnasia de trampolín. Logo de entrar na preselección para o Campionato do Mundo por Categorías de Idade, a Real Federación Española de Gimnasia acabou decidindo, inda metidos de cheo no máis cru da pandemia, acudir á cita só con deportistas de 15 anos en diante. Esta semana, a cambadesa quitouse aquela espiña colgándose a medalla de bronce na modalidade de dobre minitramp (DMT) na categoría de 11 e 12 anos na súa estrea nun gran campionato de seleccións nacionais. Fíxoo, ademais, só un día despois de sorprenderse a si mesma accedendo á final de tumbling, na que España está moi lonxe de figurar entre os países de referencia no panorama mundial, que completou como oitava e última clasificada.

Sen dúbida, o vivido por Uxía este xoves é algo que nunca poderá esquecer. Non só pola trascendencia dos seus resultados. Tamén por telos compartido cos seus achegados. A pé de pista, cos seus compañeiros de combinado nacional, entre eles varios bos amigos, e os seus adestradores no Club Sieiro Acrobacia de Vigo, Iván Estévez e Sara Penedo, e no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Pablo Hinojar; este último, presente en Bulgaria en calidade de seleccionador español. E na grada, a arousá puido celebrar despois, primeiro coa mirada, e logo cun bo abrazo, a gloria do bronce mundial cos seus pais, Javier e María, e coa súa irmá maior, Naia, especializada nunha modalidade diferente da ximnasia de trampolín, a acrobática.

RFEG

Logo da feliz sorpresa do mércores, co seu acceso á final de tumbling, a deportista do Clube Ximnasia Burgas —mantén licenza co equipo ourensán-pontevedrés pero adestra co Sieiro de Vigo— encaraba o concurso de dobre minitramp coa maior das ambicións. «Uxía contaba con pasar á final si ou si, e pelexar por medalla», contaba onte inda desde a capital búlgara a súa nai. Primeiro, accedeu á final a oito coa terceira mellor puntuación, e fixo o propio despois para entrar na súper final, na que xa só catro ximnastas optan ao podio. A cambadesa saíu a segunda á rúa de salto, asinando unha puntuación discreta, 21,100, para o que nela é habitual. Sen ir máis lonxe, no Campionato de España deste ano fíxose co ouro cunha nota de 23,400. De aí a súa explosión de alegría ao verse no podio cando, no último salto da final, a representante australiana fallaba levando un 0. Unha soa décima separou a Uxía da prata, que foi parar á portuguesa Mariana Fernández, con outra lusa, Inés Correia, proclamándose campioa do mundo con 23,200 tras ser a única que non pagou peaxe polos nervios de saber o moito que había en xogo.

A albaceteña Belén Sánchez, sétima na mesma final e boa amiga da arousá, fundíuse nun abrazo con Uxía, rompendo as dúas a chorar. A imaxe chegoulle á alma á súa familia. «Ver algo así é o máis bonito do mundo. Foi impresionante», di María, a nai da medallista, que engade o orgullo de ver a admiración mutua das súas fillas. Ao segundo de aparecer na pantalla do pavillón, Naia compartíuna aos catro ventos na súa conta en Instagram: Uxía Rodríguez Fernández, terceira do mundo.