Elena Suárez pon en valor a inversión sanitaria da Xunta no Salnés

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A parlamentaria autonómica do PP acusa á oposición de mentir sobre a aposta do goberno galego na comarca

24 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A parlamentaria autonómica Elena Suárez (PP) volve a poñer en valor a inversión sanitaria da Xunta de Galicia na comarca do Salnés utilizando como exemplo o novo TAC que a vindeira semana se instalará no Hospital do Salnés por valor de máis de 400.000 €. Un investimento que «desminte unha vez máis a reiterada mentira que nunca se converte en verdade» dos partidos da oposición sobre «os presuntos cero euros que o Goberno galego inviste na nosa comarca en materia sanitaria», afirma.

A deputada arousá móstrase «sorprendida» de que os partidos da oposición no Parlamento de Galicia segan repetindo esta mesma mensaxe para referirse aos Orzamentos da Xunta para 2023, xa que nestas contas, afirma, están incluídas partidas para o inicio das obras de construción do novo centro de saúde de Vilagarcía (1,4 millóns de euros), a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Meis (250.000 euros) e as melloras do centro de saúde de Baltar (400.000 euros).

Elena Suárez conclúe tachando de «hipócritas» a PSOE e BNG no que se refire ás súas críticas en materia sanitaria porque «calan cando o Goberno central non actúa nas súas competencias», di a deputada popular.