Crítica de cine. «20th century women»: Un precioso artefacto de ourivería

Xabier Marqués SECRETARIO DO CINE CLUBE ÁDEGA

AROUSA

R.E.

«20th century women» proxectarase no Salón García co gallo do 25N

19 nov 2022 . Actualizado a las 20:30 h.

Utilizando de novo a un membro da súa familia como referente e narrando as súa propias vivencias dun xeito anticonvencional, Mike Mills volve construír unha pequena xoia cinematográfica a partires dun relato cheo de nostalxia e profundidade de apariencia enganosamente lixeira e contemplativa.

Nesta ocasión, o director relata o seu paso da adolescencia á madurez rodeado de tres mulleres que representan a tres xeracións distintas, con diferentes visións e actitudes ante a vida, pero que comparten dous rasgos fundamentais: a súa excepcional intelixencia emocional e o seu rexeitamento a encaixar nos roles predeterminados pola sociedade patriarcal de finais dos anos setenta.

Paradoxalmente, Jamie, o protagonista , aprenderá a desenvolverse como home a través dos sentimentos e reflexións do mundo feminino das protagonistas, en especial do da súa nai, Dorothea, que oscila entre a desesperación de sentir a incapacidade da relación que provoca a diferenza de idade co seu fillo e o desexo de que el aprenda a vivir como un ser libre das imposicións de xénero propias da época. Curiosamente, William, o único personaxe masculino da película, non consegue ser un referente válido para Jamie, permanecendo á marxe do seu mundo, sen conseguir ser unha figura central na súa educación.

Do mesmo xeito que en Beginners, Mills volve utilizar un estilo narrativo e visual composto por viñetas que carecen, aparentemente, de fío condutor, pero que acadan todo o seu sentido a medida que a película se vai desenvolvendo. Voces en off que anticipan o futuro das personaxes, citas de libros intercaladas, fotos de arquivo, fragmentos de discursos televisivos, bailes das personaxes que dotan de significado ó seu momento emocional , todos estes recursos, aparentemente dispares e desleixados, engárzanse con elegancia, dando lugar a unha película redonda no seu poder evocador e reflexivo.

Inmensa Anette Benning, no papel da nai transgresora e convencional a un tempo, ofrece unha interpretación chea de matices e intelixencia e porén, non consegue opacar ás de Greta Gerwig, como a da creativa e feminista Abby, nin a de Elle Fanning, que fai un retrato fascinante dunha adolescente de 17 anos que parece encerrar toda a madurez intelectual e a inmadurez afectiva na mesma persoa.

Si, Mike MIlls fíxoo de novo, regalounos un precioso artefacto de ourivería emocional feito co único material que realmente posuímos todos e todas: as nosas vivencias.