Dous históricos do Breogán abandonan o club grovense por desavinzas co seu director técnico

p.p.v. / l.c. O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Barco dragón feminino do Breogán do Grove promovido por Lino Cacabelos
Barco dragón feminino do Breogán do Grove promovido por Lino Cacabelos CEDIDA

Lino Cacabelos e Ruth Otero recoñecen os seus problemas persoais con Luis Otero, o adestrador dos maratonianos mecos, e desligan a cuestión da entidade e dos seus responsables

16 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano levaba en marcha o Breogán do Grove cando Lino Cacabelos se sumou, en 1979, aos primeiros padexeiros do que hoxe é un dos clubs sobranceiros do piragüismo galego e español. Desde entón, e durante 43 anos, veu facendo de todo na entidade, pero sobre todo, traballar a prol da súa saúde, nos últimos anos alternando ou compaxinando tarefas directivas e de preparación dos deportistas máis novos, sen deixar de competir nas probas de veteranos e mesmo impulsando unha das iniciativas máis ilusionantes do club nos últimos tempos, o barco dragón, no que enrolou a un bo número de mecas, a maioría sen experiencia deportiva. Dunha xeración posterior, Ruth Otero entrou no Breogán do Grove en 1989, e tras unha paréntese por estudos entre 1997 e 2004, volveu ao club para, coma Lino Cacabelos, facer de todo, adestrando ás veces aos padexeiros máis novos e outras aos maiores, axudando a máis dun no seu intento por dar o salto á elite. Nos últimos meses os dous, Ruth e Lino, abandonaron o Breogán. O motivo, o mesmo, as súas desavinzas co director deportivo da entidade, Luis Otero, problemas que desligan por completo da entidade e da súa directiva.

Lino Cacabelos é desde o mes pasado padexeiro da Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra porque: «Tiven un problema persoal cun compañeiro do club, o director técnico, Luis Otero. Coñézoo de toda a vida. Hai dous anos tiven unha bronca con el. Sami Grigori —outro adestrador do Breogán— e eu estabamos falando dunhas cousas dos cadetes e veunos berrando, dicía que era o meu xefe porque era o director técnico, e eu no club non tiña xefe ningún». Cando trasladou a súa decisión de marchar, desde o Breogán foron moitos os que tentaron convencer a Cacabelos de que cambiase de opinión, di. Pero «coas formas del —Luis Otero— non comungo» e mentres siga de director técnico, cargo que a directiva, sostén Lino, decidira suprimir hai meses sen chegar a facelo, non volverá ao Breogán inda «con moita dor de corazón».

O hoxe padexeiro do E.P.C. Pontevedra lembra que cando el colleu as categorías inferiores da canteira hai cinco anos comezara con 4 nenos, deixando 80 ao final do 2021: «Agora quedan 7 ou 8 rapaces», afirma, logo de non poder continuar con eles no 2022 por temas de saúde.

En termos practicamente idénticos se manifesta Ruth Otero, desde o pasado verán padexeira veterana do Piragüismo Verducido. Logo de ter traballado como axudante de Luis Otero hai dous anos no equipo sénior, incluídas as estrelas maratonianas do Breogán, dos que Otero leva anos sendo o seu adestrador, neste 2022 Ruth só ía ao club a facer o barco dragón. «Voume por problemas persoais con Luis Otero e polo ambiente creado no club, de tensión, de falta de alegría», conta.

Interpelado sobre a cuestión, o presidente do Breogán, Félix Lamas, non quixo entrar na cuestión: «Son cousas persoais deles. Sentimos que se vaian». Luis Otero, pola súa banda, di ao respecto: «Non vou entrar en discusións ou polémicas. Somos maiorciños e cada un sabemos o que temos que facer».