A vitoria dos de Perú ante o Compos ou o grande inicio da canteira do Arousa

AROUSA

Catro dos seis equipos de infantil a xuvenil avanzan entre segundos e cuartos
15 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Arousa volveu a primeira hora da tarde deste domingo do campo da S.D. Compostela co seu segundo triunfo na División de Honra Xuvenil. Os rapaces de David López, Perú, superaron cun 0-2 a un rival directo na dura pelexa por eludir as catro últimas prazas entre os 16 equipos do Grupo 1 da máxima categoría do fútbol base español, no que o club vilagarcián xoga este curso por primeira vez na súa historia. Os goles de Memet, de semichilena a pase de Hugo Losada no minuto 47, e de Fer no 76, asistido este polo autor do primeiro tanto, materializaron o maior control do partido exercido por un Arousa que conseguía así o seu segundo triunfo da temporada tras o 0-2 sobre o Marina Sport dúas semanas atrás, e o terceiro resultado positivo dos de Perú nas catro últimas xornadas. Un empate na Lomba ante outro dos adversarios da zona media-baixa da táboa, o Atlético Perinés, abría o 23 de outubro a boa xeira do cadro arlequinado, que con 7 dos últimos 12 puntos acada os 10 noutras tantas xornadas de Liga para saír da zona de descenso, xusto un posto por enriba, duodécimo.
A vitoria na capital galega vai supoñer, comentaba tras o encontro o técnico arlequinado, «un reforzo emocional para o traballo semanal» de cara a visita esta vindeira fin de semana ao campo do Lugo, e «para que os rapaces sigan crendo no seu traballo e ver que podemos pelexar a categoría».
A traxectoria dos pupilos de Perú é a mostra máis visible do grande inicio de temporada que están a asinar os seis equipos do Arousa nas categorías superiores do fútbol base, a infantil, a cadete e a xuvenil. Nesta última, ademais da competitividade que un club modesto como o vilagarcián está probando no seu ano de estrea no teito do balompé de formación, a División de Honra, o xuvenil B avanza cuarto na Liga Galega con 23 puntos, a tan só un do Santa Mariña e do CD Areosa, segundo e terceiro na táboa.
Na categoría cadete, baixo a dirección de Pedro Carregal, o Arousa é terceiro na División de Honra. Con 22 puntos, só os dous colosos do fútbol galego, o Deportivo da Coruña, con pleno de once vitorias noutras tantas xornadas, e o Celta de Vigo, con 28 puntos, o superan. Na Liga Galega Cadete, o Arousa B é segundo do Grupo Sur con 28 puntos, dous menos có líder, Celta B.
Tamén en Liga Galega, pero de categoría infantil, o Arousa B avanza cuarto con 17 puntos, a dous do Pabellón Promesas e da Seca, segundo e terceiro. Só o Arousa de División de Honra Infantil, adestrado por Lino González, aparece en terra de ninguén, sétimo con 16 puntos.
Tres arlequinados con Galicia Sub 14
A vindeira fin de semana a selección galega Sub 14 de fútbol masculino xogará en Tenerife a primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Faráo con tres futbolistas infantís do Arousa. Así, entre os 18 elixidos polo adestrador autonómico, Jesús López, figuran os arlequinados Lucas Eiriz, Damián Peiteado e Xavi Durán.
Hugo Losada marca diferenzas na D.H.X.
Dez partidos de Liga leva xa o Arousa de División de Honra Xuvenil. O seu adestrador, Perú, só puido contar en tres coa participación de Hugo Losada, adscrito ao equipo de Terceira. Foi nas dúas vitorias coas que contan os xuvenís e nun dos seus catro empates. Fronte ao Marina Sport, Losada asistiu a Fer no primeiro gol e marcou o definitivo 0-2; e en Santiago colgou o balón que Memet transformou en 0-1.