
As arqueólogas Yolanda Seoane e Elena Lima veñen de sacar á luz unha necrópole profana
13 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Como xa contei, o Concello do Grove contratou unha empresa especializada —parabéns— para refacer o catálogo de patrimonio cultural que ía no proxecto de PXOM dese municipio e que a Xunta, por desastroso, houbo de rexeitar. Esta entidade parece estar a facer un traballo de campo sobranceiro; neste caso concreto que vou describir recibiu, ademais, indicacións do erudito Francisco Meis. Hai unhas semanas faleilles do descubrimento de dúas-tres mámoas; agora, nas inmediacións delas, as mesmas arqueólogas, Yolanda Seoane e Elena Lima, sacaron á luz unha necrópole profana, na que se soterraban nenos sen bautizar e a aqueles que non tiñan entrada no cemiterio relixioso.
O lugar está rodeado de muros e ostenta todas as características destes espazos, moi numerosos en Irlanda e con algún caso coñecido en Galicia, como os de Oza dos Ríos —Cruz da Carreira— ou Rianxo —As Somozas—. Hoxe, o Código de Dereito Canónico segue cualificando os cemiterios como lugares sagrados e celebrar exequias polos nenos falecidos antes de recibiren o bautismo só se somete a permiso. Pero en 1955 ese código aínda prohibía admitir en sepultura eclesiástica os que morresen sen bautismo e outros casos como aos excomungados, e, incluso, os incinerados, que non tiñan dereito a cura, misa, nin ritual.
Os defuntos aos que se lle prohibía descansar en sagrado ás veces eran depositados a carón dos cemiterios eclesiásticos, incluso debaixo dun picho de auga deses camposantos para que resultasen bendicidos por ela e ata sobre árbores do cemiterio sen tocar o solo sacralizado. Pero tamén se soterraban nos cemiterios profanos, rodeados por muros de pedra en círculo. Nesas necrópoles pagás, o pai escavaba a tumba para soterrar os nenos, de noite, sen cerimonia e parece que as nais non acudían, sobre todo se deran a luz recentemente. Como tampouco ían ao bautizo se era pronto.
Este descubrimento do Grove sitúase nas inmediacións de dúas-tres mámoas, nunha aba que mira ao Atlántico e nunha encrucillada dos camiños vellos de saída das partes máis antigas desa vila: Estonllo, Meloxo, Vilavella. Ademais dos dolmens, vese cerca o castro arruinado da Siradella; o topónimo Cruz de Feáns, se non se refire a este cemiterio, pode aludir a ese cruce de camiños. Porque as encrucilladas en Galicia tiveron unha compoñente máxica: xuntanza das meigas —ás veces co demo-— de tránsito da Santa Compaña, prender as fogueiras de San Xoán, atoparse os habitantes do outro mundo ou para manter relacións sexuais que asegurasen a concepción.
Os estudosos non se poñen de acordo na orixe das necrópoles profanas: uns sinalan o século XVI, e outros, prácticas de enterramento anteriores á cristiandade. En Irlanda os datos arqueolóxicos sitúan á maioría na Alta Idade Moderna coa chamada Contrarreforma da Igrexa. Nese país chámanselles cilliní, aínda que teñen outros nomes, resultan abondosos e foron inventariados e escavados. Neles, seguramente igual que aquí —como noutras cousas—, aparte dos nenos falecidos sen acristianar, sepultábanse persoas consideradas inadecuadas para un chan consagrado pola Igrexa católica romana como discapacitados, estranxeiros, vítimas de naufraxios, criminais, mortos de fame, suicidas, prostitutas, incluso mulleres mortas no parto.
Entre os sitios que se escollían para estes espazos de inhumacións humanas, sempre lugares destacados, hai templos e cemiterios abandonados, monumentos antigos, a beira do mar, encrucilladas de camiños e, nalgúns casos, coincidindo con usos mortuorios previos como os das mámoas e fitos naturais conspicuos na paisaxe. Os tres últimos emprazamentos típicos danse neste achado grovense. O cemiterio profano do Grove é un descubrimento cultural espectacular e a contorna, unha paisaxe senlleira e non queda outra que honrala cun parque arqueolóxico. Quen dubida de que así será?