A ecuación dun líder: tres goles elevados ao cadrado máis portería a 0

AROUSA

CAPOTILLO

O Arousa vén de sumar á fortaleza defensiva unha produción ofensiva en aumento exponencial

25 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa completou a sexta xornada de Liga da Terceira Federación no máis alto da táboa clasificatoria do Grupo 1. Con 13 puntos de 18 posibles, o conxunto que dirixe Luisito é líder en solitario, co Deportivo Fabril, con 12, e coa UD Ourense e co Racing Vilalbés, con 11, pensando en non fallar esta vindeira fin de semana para poder optar a desbancar o cadro arlequinado.

O primeiro posto do Arousa tras o primeiro quinto do campionato regular non é máis co resultado dunha ecuación despexada nas dúas últimas xornadas. O cadro vilagarcián arrincara a temporada con dúas vitorias pola mínima ante rivais que hoxe ocupan as dúas últimas posicións no grupo, o CD Barco (0-1) e a U.D. Paiosaco-Hierros (1-0). Vitorias que deron paso á, ata hoxe, única derrota dos de Luisito no que era o seu primeiro test fronte a un rival directo polo título e a praza de ascenso directo á Segunda Federación: 2-1 no feudo do Deportivo Fabril.

O feito de non pasar do empate sen goles no céspede da Lomba cun Alondras mesmo mellor por momentos inda sen facer, nin moito menos, un gran fútbol, empezou a xerar dúbidas sobre un Arousa que, con Manu Táboas poñéndolle o pecho á súa portería, non era quen de carburar en ataque. Ata que as dúas últimas xornadas desataron un copioso caudal ofensivo, con tres goles ao CD Estradense, na Lomba, e outros tantos no campo do CSD Arzúa, por ningún en contra.

Deste xeito, a ecuación do liderado do Arousa non é máis co resultado de elevar ao cadrado os tres goles a favor acumulados nas catro primeiras xornadas e sumar a portería a 0. Esta última, constante en cinco dos seis encontros do equipo arlequinado no que vai de Liga, todos agás a visita ao Fabril, o que o converten no conxunto menos goleado da Liga, coa metade dos encaixados polo filial herculino, segundo clasificado.

Esta semana o Arousa recibirá o Rápido de Bouzas, undécimo na táboa de 16 equipos do Grupo 1 da Terceira. O partido xogaráse o sábado, desde as 20 horas.