Do día contra a contaminación luminosa

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

Tampouco resulta tan complexo apagarmos todos as luces en espazos protexidos coma no Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira

09 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte foi o Día Internacional das Aves Migratorias, que ten dúas datas de celebración —maio e outubro—, pola importancia que representa para os dous hemisferios terrestres. Pasou desapercibido. A verdade é que a Mancomunidade do Salnés podería —quererá ou non quererá— establecer esta data como unha especie de conmemoración comarcal. Deixo para outro día o tema da nosa división territorial sen sentido e, tamén, a ausencia de afán de vernos como comarca, cando a interrelación, a mestura, a identidade de intereses entre os municipios que a conforman é tan real e obvia que a carencia de facultades dese órgano común é realmente rechamante e debería empezar a articularse, xa, unha delegación de facultades municipais; pero ese é outro tema para outra volta. Dicía que onte a ONU quixo chamar a atención a nivel mundial sobre as aves migratorias. O Salnés ten uns dos principais asentadoiros delas en Galicia, parada nos seus vos de ida e volta e lugar de aniñada. Como é de sobra sabido, entre outros espazos, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, con dúas mil cincocentas hectáreas repartidas entre diversos municipios, é unha riqueza extraordinaria e debería provocar unha das inmediatas delegacións de competencias para a Mancomunidade, porque se trata de algo común a diversos Concellos, para acadar unha protección uniforme e a súa articulación pero, tamén, unha promoción centrada no interese conxunto dese espazo. Non vale que por separado cada Concello adopte, os que as adoptan, medidas illadas: fai falta unha visión común e, antes que a Xunta, a Administración máis achegada é a Mancomunidade. Nestes temas convén dicir cousas sabidas, tantas veces obvias. Un exemplo: os vertidos dos diversos saneamentos municipais non distinguen estremas entre Concellos. Cando se produce unha fuga de augas residuais en Sanxenxo —miremos o exemplo da Revolta—, a contaminación non a absorbe ese territorio municipal porque se estende en función das forzas naturais —correntes, vento, mareas— que non teñen nin remotamente en conta onde remata un municipio e empeza o veciño. Outro dos exemplos nos que resulta precisa unha visión de conxunto reflíctese no lema da campaña do Día das Aves Migratorias deste 2022, Noites escuras, migracións seguras: a contaminación luminosa, unha ameaza para todas as especies de aves e a fauna en xeral. A luz artificial crece dun xeito alarmante cun incremento dun 2% anual e, nestas zonas naturais, pousadoiros durante as migracións, é indubidable que resulta imprescindible establecer normas comúns para respectar o ciclo natural da luz —en Galicia ata se iluminou a fervenza do Ézaro—. De nada serviría que un Concello tomase medidas para eliminar a contaminación lumínica durante as épocas de migración e o do lado non o fixese. Agora mesmo en moitas cidades do mundo polas que transcorren estas migracións xa se busca atenuar as luces de edificios, estradas ou paseos, que xeralmente humanizan zonas onde paran as aves. É preciso, pois, un enfoque conxunto e buscar non seguirmos a ser danosos para as demais especies que comparten connosco un espazo e un recorrido vital. A Terra non é nosa e non estaría de máis facilitarlle a vida aos compañeiros de viaxe que non se organizan constrinxidos por estremas como o facemos os humanos trazando por onde nos peta fronteiras entre Concellos, provincias, países, Estados. E, no concreto, tampouco resulta tan complexo apagarmos todos as luces neses espazos protexidos; resulta sinxelo: probemos a instalar un, digámolo dalgún xeito, interruptor común.