O BNG do Grove elixe a David Torres como o seu candidato para as eleccións municipais

L. C. O GROVE / LA VOZ

AROUSA

LETICIA CASTRO

«É o momento de demostrar que somos unha alternativa de goberno seria», indicou o alcaldable

25 sep 2022 . Actualizado a las 12:25 h.

David Torres será candidato á alcaldía do Grove nas vindeiras eleccións municipais de 2023. Así o decidía o venres en asemblea a militancia da localidade, que decidiu apoiar por unanimidade a súa candidatura, que foi a única presentada. O actual voceiro da formación escalou ata o primeiro posto da lista tras a dimisión hai menos dun ano de Heladio Outeiro, que se presentou aos comicios nas dúas últimas lexislaturas. Entre os asistentes á xuntanza escoitáronse loubanzas ao novo candidato, cualificándoo como unha persoa «seria, responsable e de confianza».

Torres quixo agradecer aos militantes o seu voto para tal responsabilidade e subliñou que «é o momento de demostrar que somos unha alternativa de goberno seria, é o momento de falar con toda a veciñanza e contar con eles para decidir o futuro da nosa vila». Queda agora por escoller o resto da lista, unha tarefa que levarán a cabo nos próximos meses. A este respecto, o voceiro explicou que «temos moito traballo

por diante, pero con ilusión e corazón imos dar o mellor de nós». Comeza así unha nova andaina dos nacionalistas mecos, que onte aproveitaron a ocasión para estrear a súa nova sede na rúa Luís Casais, con máis ilusión ca nunca e con moitas caras xoves entre a militancia. Ao remate da asemblea, todos disfrutaron dun pequeno ágape para celebrar o acontecemento.