Realizar a «Traslatio» a bordo do Dragón: o novo reto das Centolas do Breogán
AROUSA

As deportistas percorrerán un traxecto duns 40 quilómetros por mar dende O Grove ata Padrón grazas ao nacemento da primeira Travesía Barca de Pedra
09 sep 2022 . Actualizado a las 10:23 h.Poñer en valor a Ruta Marítima Xacobea do Mar de Arousa. Ese é o novo obxectivo do Club de Piragüismo Breogán, pero tamén o seguinte reto do equipo das Centolas que realizarán o singular traxecto a bordo do barco Dragón. Farano grazas a unha nova iniciativa do club, a primeira Travesía Barca de Pedra, unha actividade que forma parte do programa O Teu Xacobeo, e que ademais da promoción da modalidade do barco Dragón, constitúe un atractivo turístico para que esta peregrinación marítima comece a gañar cada vez máis adeptos.
Nesta primeira travesía participarán dous barcos de 20+2 cedidos pola Federación Galega de Piragüismo, e están invitados a participar deportistas dos clubs da ría de Arousa, da categoría de Paracanoe e da BCS (Sobreviventes do Cancro de Mama), así como piragüistas de elite. Serán o 16, 17 e 18 de setembro. Tres intensos días que arrancarán coa bendición do peregrino no atrio da Igrexa de San Vicente, a carón da escultura da Moeda da Traslatio, para a continuación baixar camiñando cara a praia do Carreiro. Unha vez alí, as Centolas embarcarán no Dragón para dirixirse á praia de Peralto onde se realizará a Cerimonia das Flores, un acto en recordo ás persoas afectadas polo cancro de mama que xa non están, e que tamén aproveitarán para dar azos a aquelas que se atopan neste intre loitando contra a enfermidade.

O club activa ademais a campaña Padexadas contra o Cancro, destinada a recoller fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro (ACC) na localidade, que se levará a cabo durante todo o mes de setembro.
O duro chegará o sábado, ben cedo, cando as Centolas e o resto de deportistas emprendan o traxecto que os levará dende O Grove ata Padrón, bordeando o litoral por Cambados, Vilagarcía de Arousa, Catoira ou Rianxo. Uns 40 quilómetros que supoñen toda unha aventura para o equipo, e que segundo os cálculos percorrerán en cinco horas. Tocará descansar entón para facer a pé o domingo o tramo do Camiño Portugués que resta para chegar a Compostela. Rememorarán así a viaxe do corpo do apóstolo Santiago na procura dun lugar apropiado para recibir sepultura, a bordo, di a lenda, dunha barca de pedra que non precisaba tripulación.
Un traxecto que comezou en Xerusalén e que entrou en Galicia por San Vicente. Así que o seu párroco, Ventura Martínez, confesaba onte sentirse mais que ledo coa iniciativa. Tamén o facía o alcalde do Grove, José Cacabelos, que considera que se trata «dunha iniciativa pola que hai que felicitarse, pois pon en valor o entorno, a cultura, ten implicación social e ademais fomenta o deporte. Parécenos do máis interesante», subliñou o rexedor.

Centolas: un año a bordo del Dragón
Las Centolas están de aniversario. Y no, no nos referimos a los crustáceos, sino al equipo del club de piragüismo Breogán, que hace un año decidió, gracias a la insistencia de su entrenador, Lino Cacabelos, probar el barco Dragón, una modalidad de origen chino con más de dos mil años de antigüedad, que con el paso del tiempo ha ido ganando multitud de adeptos. El de las Centolas es un caso singular, ya que se trata de un equipo integrado exclusivamente por mujeres en un rango de edad de 40 a 62 años, que en su mayor parte realizaban una vida sedentaria, pero que ahora mismo están enganchadas al deporte.