Os xuvenís de Perú abren un novo capítulo de ouro na historia do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O club estréase hoxe (12 horas, A Lomba) como praza da División de Honra

04 sep 2022 . Actualizado a las 20:54 h.

Desde a súa creación, no ano 1990, a División de Honra Xuvenil é a máxima categoría do fútbol base en España. Tras máis de tres décadas vendo en acción a moitos dos xogadores que acabarían protagonizando a que un día foi considerada a mellor liga do planeta, o Arousa comeza hoxe a escribir o seu nome nos anuarios da competición. Ás 12, no céspede do estadio da Lomba, baixo a dirección de David López, Perú, o cadro arlequinado abre un dos grandes capítulos dun modesto club dunha localidade que, sen chegar aos 40.000 habitantes, enfrontaráse ás mellores promesas do Celta de Vigo, do Deportivo da Coruña e do Lugo, pero tamén do Oviedo, do Sporting de Xixón ou do Racing de Santander. O primeiro rival, o seu compañeiro de ascenso a pasada primavera, o Coruxo, que xunto ao Compostela e ao Ural Español completan a nómina de sete representantes galegos no Grupo 1 —a División de Honra Xuvenil conta con outros seis grupos—, formado por 16 equipos. Os asturianos Covadonga e Roces e os cántabros Bansander, Atlético Perinés, Marina Sport e Gimnástica de Torrelavega serán os outros rivais do Arousa. 

«Evidentemente, o obxectivo será tentar conseguir a permanencia». Porque, sinala Perú, máis aló da condición de novato na categoría, o Arousa atópase cunha Liga no que o 25 % dos equipos non repetirán a vindeira temporada, cos catro últimos ao termo do campionato caendo á Liga Nacional na que o cadro arlequinado levaba anos asentado ata o súa excelente campaña pasada.

Para encarar tamaña misión, o técnico do equipo vilagarcián, responsable tamén da coordinación de todo o fútbol 11 base na entidade arlequinada, dispón de 24 efectivos. A metade deles, reforzos, sendo catro incorporados do propio Arousa de División de Honra Cadete.

O primeiro problema para Perú de cara ao treito inicial do calendario é o feito de que seis dos seus efectivos, isto é, a cuarta parte do seu cadro de futbolistas, non traballaron co equipo nas cinco semanas de pretemporada coas que o Arousa chega á estrea na Liga. O porteiro David Conde, o lateral dereito Sergio Prieto, os centrais Dani e Nico Casalderrey, o mediocentro Miguel Fernández e o dianteiro centro Fer estiveron todo o verán ás ordes de Luisito, disputando moitos minutos nos partidos de preparación do primeiro conxunto do club ante a praga de lesións nas curtas filas do cadro de futbolistas de Terceira que manexa o técnico de Teo. Un «problema», confesa Perú, por canto inda sendo unha excelente noticia polo reflexo dun traballo ben feito na canteira, impídelle inda «saber cal é o nivel real do equipo que temos» de cara a loitar pola permanencia.