Lago invita a ministra a visitar Cambados para escoitar as inquedanzas do sector mar-industria

La Voz CAMBADOS

AROUSA

cedida

O alcalde cambadés sostén que Isabel Rodríguez trasladoulle unha mensaxe de «total tranquilidade»

01 sep 2022 . Actualizado a las 22:48 h.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, aproveitou a visita a Vigo da ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, para expresarlle a preocupación que existe no sector do mar-industria sobre a entrada en vigor do novo regulamento xeral de Costas para adaptalo á Lei de Cambio Climático. Lago sostén que a ministra trasladoulle unha mensaxe de «total tranquilidade» e convidouna a visitar Cambados para escoitar do sector os seus temores sobre as concesións no dominio público marítimo terrestre. «As concesións das industrias relacionadas co mar vanse seguir renovando e concedendo. Non vai a haber ningún tipo de problema, como non o houbo ata agora nas numerosas concesións solicitadas», apunta o alcalde. Na xuntanza tamén se abordou o tema da transferencia de competencias de Costas á Xunta de Galicia indicando ao respecto a ministra que «a lei é a lei, independentemente de a quen corresponda a xestión», segundo traslada o rexedor.

«En calquera caso o Goberno de España non se opon á transferencia de competencias en materia de litoral, pero ten que ser mediante unha modificación do Estatuto de Autonomía, dado que o actual non contempla tal posibilidade», explica o rexedor cambadés.