As gasosas de auga mineral made in Galicia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A Nosa e Pousada comparten en Vilagarcía a liña de embotellado dunha das contadas firmas superviventes do sector. A súa fórmula é secreta como a da Coca-Cola, pero a clave está no H20 do manancial de Sanxinés

01 sep 2022 . Actualizado a las 12:14 h.

Hai produtos asociados a toda unha vida. E logo, hai marcas identificadas cun territorio, ata o punto de chegar a formar parte dos seus usos e costumes. As gasosas A Nosa, en Arousa, e Pousada, nas comarcas de Pontevedra e do Morrazo, son dous deses produtos feitos seus polos veciños, pero tamén por aqueles visitantes con longas quilometraxes nas mesas da hostalaría e de moitas casas alleas das Rías Baixas. Dous particulares sinais de identidade embotellados no mesmo lugar no que en 1970 se producía un dos moitos procesos de fusión que acabaron compactando un sector con máis de 400 fábricas daquela tan só en Galicia, para deixalas nas oito que, conta José Manuel Pousada Carballa, quedan hoxe na comunidade. Foi ese fenómeno ao ditado dos novos tempos o que, explica o propietario do negocio, xuntou a produción de A Nosa e Pousada baixo a mesma casa: Distribuciones de Bebidas Pousada SL, Disbepo.

Para quenes teñan neste momento o sabor de calquera das dúas referencias baixando da memoria ao padal, quizais lles interese saber de onde pode vir ese apego por unha bebida demodé na era dos refrescos das grandes multinacionais. Cada vez que lle dan un grolo a un vaso de A Nosa, fano á esencia de décadas de perfeccionamento reunidas nun único produto polas dúas decenas de fabricantes espallados polo sur da ría de Arousa, desde Pontecesures ata O Grove, que en 1970 decidiron xuntar forzas nun único proxecto, constituíndo en Bamio Carbónica Arosana. Un nome que loce inda na fachada das instalacións de Disbepo, subliña o seu propietario.

A gasosa Pousada arrinca a súa historia moito antes inda. José Manuel Pousada non recorda ben se foi en 1926 ou en 1928 cando os seus avós puxeron en marcha unha factoría propia en Marín. E «hai 25 anos compramos a fábrica de Vilagarcía, porque a de Marín se nos facía pequena», sinala o seu único socio. Nese momento, Carbónica Arosana vendía da orde dun millón de botellas de A Nosa ao ano. A produción actual rolda os 10 millóns, conta José Manuel, sendo o volume da gasosa Pousada algo maior; e non porque se beba máis: «En realidade, o consumo baixou. Agora bébese cervexa, Red Bull... Os hábitos cambiaron. A xente antes traballaba no campo e bebía viño, que rebaixaba coa gasosa. Antes clientes comprábannos 1.000 caixas cada semana ou ao mes; agora deses clientes quedan poucos, e os pedidos son de 400-600 caixas». Así e todo, explica o dono de Disbepo, cada vez vendemos máis porque facemos máis clientes». Un crecemento no que se mesturan a concentración extrema do sector e un produto cunha moi alta capacidade de fidelización. Como demostra a notable clientela que segue a pedir que lle sirvan no seu domicilio particular botellas de A Nosa e Pousada, inda nestes tempos nos que as ás para levantar as vendas de bebidas non alcólicas as dá o investimento en grandes campañas publicitarias.

A diferenza: dozura e limón

Toca pensar entón que algo terán estas dúas gasosas para ter tanta aceptación. Preguntámoslle a José Manuel Pousada polas fórmulas: «Non se poden contar. Cada un ten o seu libriño». Unha resposta que ben podería darnos calquera directivo da Coca-Cola.

Sendo que «os ingredientes son comúns para todos os fabricantes de gasosa —auga, acidulantes, edulcorantes, aroma de limón e CO2»— , que teñen de especial as marcas de Disbepo? Tras cualificar de «exquisitas» a A Nosa e Pousada, e logo de diferencialas polo maior sabor a limón da primeira e pola maior dozura da segunda, o produtor contesta: «Están feitas con auga mineral. Somos o único fabricante de Galicia que facemos gasosa con auga mineral». Concretamente, a que extraen do manancial de Sanxinés, en Bamio. O mesmo no que Disbepo obtén a materia pura e única do seu terceiro produto propio: Sanxinés, a auga mineral natural que enche as mesas de Vilagarcía desde a declaración mineiro natural e de utilidade pública do manancial arousán en xullo do 2001.

Empresa Familiar 

Camiño da cuarta xeración

Vinte cinco anos leva Disbepo embotellando á par A Nosa e Pousada, acabando por trasladar a Vilagarcía a produción de Marín, cuxa factoría serve hoxe de almacén da empresa. En Marín empezou José Manuel Pousada a traballar con 13 ou con 14 anos nos seus tempos libres, empurrado, di, «ao ver os meus pais traballar coma leóns». El, José, faleceu moi novo, hai 34 anos, e a nai, Concepción, tirou do carro da empresa ata que se xubilou con 67. José Manuel ten agora 61 primaveras e confía en que Tatiana (35), a primoxénita dos seus catro fillos e a única que traballa na firma, lle dea continuidade ao negocio.