Potente presenza da canoa arousá no Mundial Júnior e Sub 23

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RFEP

Fontán, Gutier, Oliveira, Torrado, Barreiro e os irmáns Domínguez compiten desde o mércores na cita de esprint en Szeged (Hungría). A comarca contará ademais con oito padexeiros no Campionato do Mundo de Maratón de finais de setembro

30 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A selección española de piragüismo esprint apréstase a iniciar mañá en Szeged, Hungría, a súa derradeira gran cita do 2022. Un Mundial Júnior e Sub 23 con dúas decenas de padexeiros galegos e de clubs da comunidade. Entre eles, sete canoístas procedentes do Salnés e do Baixo Ulla.

Manuel Fontán encabeza nesta ocasión a numerosa e prometedora armada arousá. Faino optando a un dobrete no C4 500, logo de conquistar hai xa case un mes en augas de Halifax (Canadá) o título mundial absoluto formando equipo co cangués Pablo Graña, co poiense Adrián Sieiro e co balear Joan Antonio Moreno. Desta volta, o padexeiro do Náutico O Muíño de Ribadumia conta na tripulación Sub 23 co cangués do Breogán do Grove David Barreiro Hermelo, co padexeiro do E.P. Ciudad de Pontevedra Martín Jácome Couto e co olímpico do Náutico Sevilla Cayetano García de la Borbolla Yagüe. Fontán opta ademais ao C1 500.

Tamén na categoría Sub 23, os irmáns madrileños do Breogán do Grove Noel e Diego Domínguez figuran nas listaxes do C2 500 e 1.000 metros, nesta última distancia, a un paso do podio no Mundial Absoluto de Halifax, no que remataron cuartos. Noel subiráse na cita de Szeged nunha terceira embarcación, a do C1 5.000, e Diego na do C2 500 Mixto coa pontevedresa Antía Jácome.

No tocante á categoría Júnior, son tres os canoístas arousáns desprazados a Hungría coa selección española. O padexeiro vilagarcián das Torres-Romaría Vikinga de Catoira Pedro Torrado Mollinedo dobra no C1 5.000 e, no C4 500, con Carlos Gutier Picón Voces, do Náutico O Muíño de Ribadumia, e cos deportistas da E.P. Aranjuez Daniel Ros e Asier Cortijo coma compañeiros.

Como os Domínguez no C2 500 Sub 23, a grovense Valeria Oliveira, padexeira do Escola Piragüismo Poio, pelexará no Mundial de Szeged pola gloria no programa Júnior nun barco olímpico, o C1 200 —no Sub 23 faráo Antía Jácome, quinta nos Xogos de Toquio e campioa europea absoluta—. Valeria compite tamén no C1 500.

 

O selectivo eleva a oito os padexeiros da zona no Campionato do Mundo de Maratón

Zamora congregou desde o venres e ata o domingo da semana pasada os mellores especialistas de maratón no Campionato de España de fondo. Unha cita que serviu en paralelo de selectivo nacional e na que o piragüismo arousán reiterou o seu poderío na modalidade, rematando con oito deportistas con dereito a disputar o Campionato do Mundo de Ponte de Lima (Portugal) a finais de setembro.

Vixentes campións de Europa, Tono Campos e Diego Romero gañaron tamén o título do C2 Sénior en Zamora, con Fernando Busto e con Diego Miguéns, das Torres-Romaría Vikinga e bronce continental, subcampións a 27,3 segundos, facéndose así co segundo billete para o Mundial.

Tamén do club de Catoira son Samuel Ares e Kevin Longo, que do mesmo xeito, subcampións de España do C2 Xuvenil, acompañarán a Ponte da Lima a Daniel Infantes e a Izan Velasco, do Aranjuez. Kevin Longo dobrará no C1 tras colgarse tamén a prata na canoa individual en Zamora.

A breoganista Tania Álvarez e a luguesa Tania Fernández (Kayak Tudense) gañaron o domingo o selectivo do K2 Sénior, sen medalla nacional pola súa condición de tripulación mixta, demostrando un ano máis non ter rival no seu barco en España.

Ademais, no Náutico Pontecesures quedan á espera de que a Real Federación Española de Piragüismo confirme a súa cadete Nerea Novo no C1 Júnior do Mundial de Maratón tras a súa actuación no selectivo de Zamora.

Rut Otero, unha grovense na gran cita do barco dragón

O Breogán do Grove facía onte repaso dos padexeiros do club que ao longo do vindeiro mes disputarán tres mundiais coa camisola de España. Os irmáns Noel e Diego Domínguez e mais David Barreiro, o de esprint júnior e sub 23 de Szeged (Hungría). Tono Campos, Diego Romero e Tania Álvarez, o de maratón do 29 de setembro ao 2 de outubro en Ponte de Lima (Portugal). E do 1 ao 4 de setembro en Racice (República Checa) o de barco dragón. Neste último padexará Rut Otero. Faráo tanto na modalidade de 20+2 como na de 10+2, nas tres distancias, sobre 200, sobre 500 e sobre 2.000 metros, e en tres modalidades, a feminina, a mixta e a open. A presenza de Rut Otero amplía esta temporada o abano de territorios con proxección internacional do Breogán do Grove, tradicionalmente delimitado entre as disciplinas de velocidade e de fondo —maratón—.