Gustavo César Veloso: «A miña maior satisfacción é que conseguín sacar o mellor de cada corredor»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

JOAO FONSECA

18 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso completou o luns a súa decimo terceira participación na Volta a Portugal. Tras doce edicións coprotagonizando, e mesmo gañando, a xeral individual da Grandíssima, este ano o vilagarcián debutou coma director deportivo logo de colgar o pasado decembro a bicicleta. Unha estrea sobresaínte, con dous triunfos de etapa do modesto Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados, o quinto posto na clasificación por equipos e o cambadés Ángel Sánchez ás portas do Top 10 da clasificación final.

—En cuestión de oito meses transformou un dos equipos máis modestos do pelotón luso na quinta escadra da xeral da Volta a Portugal, e con dous triunfos de etapa. Como valora a participación do Mortágua na rolda que vén de rematar?

—Creo que todos estamos satisfeitos. É un equipo pequeno, de formación, con máis do 50 % dos corredores novos. Conseguimos xerar un bo ambiente, un bo grupo de traballo, e despois dun ano, poñer en práctica o adestrado a nivel técnico e táctico, a preparación dos esprints, a montaxe de fugas... Na Volta a Portugal recollemos os froitos do traballo feito.

—A nivel persoal, foi a súa estrea coma director deportivo na Grandíssima. É un plus aos resultados do seu equipo, que deu un salto de calidade con vostede?

—Non, a ver. Este é un traballo de equipo: dos corredores, dos masaxistas, dos mecánicos, dos técnicos; de todo o Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados. Non considero que eu incrementara a calidade do equipo. Organicei os corredores para un obxectivo común, que creran en si mesmos e puideran conseguir o obxectivo do equipo. A forza do Mortágua é o seu colectivo. Ao final os directores somos case máis uns psicólogos. Apoiando os ciclistas e tamén apretándoos nalgún momento. Conseguimos que o equipo funcionara como un equipo de verdade, con bo ambiente, que todos traballaramos polo mesmo obxectivo. E tamén fai falla un pouquiño de sorte para que o traballo se vexa reflectido en vitorias. A min non me gusta falar de triunfos, gústame falar de traballo ben feito, de dar unha boa imaxe, de ser profesionais… Cando se fai todo iso, os resultados rematan por chegar; ás veces non en forma de vitorias, ao mellor enganchando a xente, os afeccionados. Este ano conseguimos ademais dúas vitorias e iso fai que todo se magnifique. Pero non deixa de ser o resultado de todo o traballo feito.

—E o seu paisano e pupilo, Ángel Sánchez, movéndose no Top 10, do que quedou fóra por pouco, cando nas súas dúas participacións anteriores na Volta a Portugal asinara actuacións discretas… Outra satisfacción máis?

—Si. Pero a miña maior satisfacción non é un corredor ou outro, senón que conseguín sacar o mellor de cada un, o maior rendemento a cada corredor. Despois, a carreira puxo a Ángel como líder do equipo. Ángel chegou nun bo momento de forma. Ao final é tamén a evolución natural. Sabiamos o potencial que tiña. Quizais outro ano buscaba entrar en fugas, loitar por unha etapa. Este ano conseguiu estar adiante, pelexouno e conseguiuno. E a partir de aí, espero que sexa un punto de inflexión na súa cabeza. Ás veces a algún corredor lle falta un punto de confianza en si mesmo. Quizais o que menos cría en si mesmo para unha xeral era el. Este ano probamos ata onde podía chegar, e chegou bastante lonxe.

—Probablemente, a maior virtude de Gustavo César Veloso coma ciclista fose a súa extraordinaria capacidade de lectura da carreira en calquera terreo e momento. Desde un coche, ve as cousas máis claras aínda?

—Non. Non se vén máis claras. Hai información que tiña como ciclista, vendo correr os demais, que agora non teño. Voume fiando do que me van dicindo os meus corredores por radio. Como ciclista estás dentro e tes máis información ca no coche, pero no coche tampouco vas a tantas pulsacións, permíteche pensar doutra maneira e consultar co outro director, cun mecánico… Por iso, é importante contar dentro dun pelotón cun corredor que tome decisións rápidas en carreira, e nese sentido tamén teño ciclistas veteranos que está a facer ese labor, e tamén é mérito deles.

—Gozaráse e sufriráse doutra maneira ao volante do coche do equipo ca subido na bicicleta en cabeza de carreira…

—É diferente, pero as dúas maneiras son intensas e bonitas. Como corredor e como director precisas un equipo detrás. Cada un ten a súa función. Os ciclistas, os masaxistas, os mecánicos, os directores… Cada vitoria ten un anaquiño de cada integrante do equipo. O anaquiño máis grande sempre é de quen a consegue, pero sen todos os outros é moi difícil conseguila.

Veloso confía en que a súa gran Volta supoña un punto de inflexión para Sánchez