Nova Galega de Danza chega ata A Illa co seu espectáculo «Leira»

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

XAN DOMÍNGUEZ

A proposta exalta o labor no agro por medio do corpo e da terra

05 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Edificio de usos náuticos da Illa de Arousa acollerá esta noite, a partir das nove, a representación de Leira, espectáculo de Nova Galega de Danza, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz. O espectáculo forma parte da programación do ciclo Bailando a terra, producido pola Deputación de Pontevedra, e a entrada será de balde.

Leira, que conta co apoio da Xunta a través do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Centro Coreográfico Galego, amosa unha exaltación da labor do campo por medio do corpo e da terra. Danza e música representan a agricultura tradicional galega e a dureza da mesma durante todas as estacións do ano, día e noite, baixo vento, chuvia ou xeada.

O corpo de danza de Leira, composto por catro bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Pablo Sánchez e Iván Villar), desenvolverá unha coreografía na que os artistas xogan cunha escenografía minimalista sobre un chan de terra, unha terra que remata sendo un protagonista máis da proposta escénica.

Nova Galega de Danza ven de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar nesta peza, pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza. Este fito sitúa á compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardonada en ámbito nacional por este certame promovido pola SGAE. Ademais, neste ano Nova Galega de Danza obtivo o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. Trátase dunha distinción outorgada pola Xunta de Galicia.