Dos topónimos de Galicia, outra volta

AROUSA

Lino Prieto

A Lei de Normalización Lingüística di: «Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega»

01 ago 2022 . Actualizado a las 19:14 h.

Ademais doutras razóns filolóxicas e históricas, por moitas voltas que se lle dea á cabeza, non hai maneira de entender por que se opina que Sangenjo en castelán está ben dito. E iso que entre as miles de almas que debe haber no ceo ningún santo coñecido se chama Genjo. Se se repasa o santoral de arriba abaixo, non aparecerá tal patronímico. Pero o certo é, outra volta, que hai que recordar que pronunciar tal aberración lingüística só reflicte absoluta ignorancia e, volta a empezar, temos que lembrar conceptos básicos, como se sempre estivésemos na escola. O primeiro, que a esencia da convivencia en democracia é respectar a vontade popular en forma de lei que, mentres sexa vixente, hai que cumprila. No 1983, segundo ano do mandato do Partido Popular, promulgouse, e segue en vigor, a Lei de Normalización Lingüística, á que o goberno de Felipe González lle quixo buscar as voltas diante do Tribunal Constitucional. Nesa lei, o artigo 10 para entenderse non precisa de coñecementos xurídicos. Di: «Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega». Clariño, sen volta de folla. E, deseguido, establece, a modo de aviso para quen quixese andar con voltas, que «estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas». Resulta evidente que, dita a primeira frase, era innecesario este segundo parágrafo, pero a realidade é que non fai dano, e evita que alguén se poña a darlle voltas ao que non ten volta.

A esta norma autonómica hai que engadir a lei 2/1998, estatal, sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña e Orense, para adaptalas ás da capitalidade, quedando así provincia e capitalidade do mesmo xeito: A Coruña e Ourense. O mesmo que con «Sangenjo» ocorre con «La Toja». A denominación da illa grovense non é a histórica, que viña sendo Louxo que cambiou parece que no XIX, aínda que na actualidade A Toxa está consolidada. A etimoloxía deste topónimo pode ter orixe ou na abundancia de toxo ou nunha corrente de auga, seguramente referida aos mananciais termais coñecidos desde a época romana e que afloraban no lugar de Porca Morta onde agora están os balnearios, —a teoría do burro abandonado á súa sorte foi unha andrómena cándida de Dona Emilia Pardo Bazán escrita en 1899 na revista catalá La Ilustración Artística—. Ademais, Toxa non é unha denominación exclusiva dese centro residencial, demodé, xa que hai outras en Lalín, Pontecesures, Santa Comba, Silleda, Touro, Vimianzo e Zas, nas que non se coñecen polémicas, quizá por non seren turísticas.

Actualmente, á entrada desta illa, hai un letreiro vexatorio. Na parte superior, en letras grandes, aparece “La Toja”, e debaixo, en caracteres menores —a metade do tamaño—, A Toxa. A ver: non hai bilingüismo en Galicia para os topónimos e por iso resulta, aparte de ilegal, ofensivo porque o que tiña que ser o único, aparece en pequeno. O topónimo é un, único, non se pode sinalizar dos dous xeitos, como ocorre noutros indicadores que se duplican como se os visitantes fosen parvos. Por iso convén recordar a claridade sen volta da Lei de Normalización Lingüística cando di, reitero, que «os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega» e que «estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas». Continuar dicindo «Sangenjo» ou «La Toja» é, nin máis nin menos, ser un voltudo procaz. Seguirase a consentir ese panel da Toxa ou permanecerá aí para que se saiba quen manda?.