A maratoniana quenda da Policía Local do Grove: incautación de pirotecnia, asistencias médicas de urxencia e un misterioso accidente

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Policía Local de O Grove

En pouco máis de tres horas sucedéronse numerosas incidencias

07 jul 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

Como calquera outro traballo, o de policía local ten os seus días. A quenda de tarde da xornada deste martes resultou para as dúas parellas de servizo no corpo do Grove do máis intensa. En boa medida, porque a sucesión de intervencións que se recollen a continuación se concentraron en pouco máis de tres horas, na parte final do día, coa calor abafante sumándose aos picos de tensión dun traballo que esixe na maioría dos casos a máxima celeridade presencial para resultarlle útil ao cidadán.

Eran arredor das sete da tarde cando a Policía Local do Grove recibía o aviso de varios veciños da Avenida Pablo Iglesias alertando da presenza na vía pública dunha moza de 26 anos bastante alterada. As dúas patrullas de servizo presentáronse no lugar e, tras falar coa rapaza, entenderon que podía estar sufrindo un brote psicótico, polo que procederon a chamar ao centro de saúde. Trala valoración inicial do médico desprazado ata o lugar, a moza foi trasladada ao Hospital Montecelo.

Pouco despois, a iso das oito, as dúas parellas de axentes acudiron á zona dos postos ambulantes das Festas do Carme. Varios pais deran a voz de alarma na Policía Local tras ver os seus fillos chegar á casa con material pirotécnico e algunha pistola de aire comprimido con balíns de PVC. Tras unha inspección, as patrullas municipais requisaron 5 quilos de material pirotécnico, na súa maioría petardos con homologacións falsas da Comunidade Europea, e unhas 40 pistolas de aire comprimido entre media ducia de vendedores, que carecían dos correspondentes permisos para despachar este tipo de xénero. Todos eles teñen aberta unha denuncia por infracción administrativa e enfróntanse ao pagamento dunha multa, se ben poden seguir vendendo o resto dos seus produtos nas festas.

Unha das patrullas tivo que abandonar pronto a zona dos postos ambulantes. Pasadas as oito e media, a chamada da filla e da neta dunha muller de 90 anos levou a dous axentes ata unha vivenda particular. A señora, con demencia senil, caera e non eran quen de levantala, e sendo que no 061 non lles collían o teléfono, acudiron á Policía Local. Case á par, arredor das nove, os outros dous axentes de servizo acudiron a un céntrico restaurante do casco urbano, en beiramar, alertados polo 112 ante a tardanza na chegada da ambulancia para atender a unha cociñeira que sufrira un golpe de calor. Tras comprobar que a temperatura da muller era excesivamente alta e o seu pulso débil, e vendo a súa palidez, os axentes colocárona en posición anti-shock térmico e agardaron á chegada, dez minutos despois, dos sanitarios.

A xornada inda depararía unha última intervención da Policía Local do Grove. Alertadas ás dez da noite de novo polo 112, desta volta dun accidente entre unha moto e un turismo, as dúas patrullas acudiron ao aparcadoiro da praia do Carreiro. No lugar atoparon un grupo dunha ducia de mozos vinteañeiros, aos que lles preguntaron. Estes contestáronlles que non viran nada. Estrañados, os axentes mecos insistiron, vendo unha moto de trial aparcada e un dos presentes cun brazo fracturado, tendo que ser atendido polo 061, polo que chamaron a Garda Civil de Tráfico, o corpo competente na materia. Persoado este, a maratoniana quenda tocou ao seu fin.