De que fai falta botar unha man

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

LETICIA CASTRO

A Consellería de Cultura puxo de acordo a varias universidades para estudiar Adro Vello

10 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xa teño escrito aquí, o conxunto Castriños, almacéns de salga, Adro Vello, paisaxe e situación xeográfica en San Vicente do Grove, son o máis espectacular resumo da historia de Galicia, con restos de ocupación humana polo menos desde a Idade do Bronce ata hoxe. Estes días retomouse a escavación que vai servir fundamentalmente para obter datos científicos directamente no xacemento, e na que están implicadas as universidades galegas, toda unha incrible garantía e a de Porto. Seguramente as prospeccións non van incluír os Castriños, nin o espazo que chega ata as salgas, pero sentarán as bases para continuar ata alcanzar o ansiado proxecto de musealización dese entorno, que convertería a San Vicente nun lugar de visita obrigada para estudosos e turistas en xeral. Pero isto non  pode ser cousa dun futuro sen data porque hai xa material arqueolóxico e científico suficiente para poñer en pé un museo cos achados, uns coñecidos polo gran público e outros que permanecen ou esperando no xacemento ou arquivados, e dos que a sociedade non sabe.

Entre os que foron divulgados destacan a única moeda que representa a traslatio xacobea, a estela do deus Devero, os píos da salga, a canalización romana de auga deles, agora perfectamente visible, ou o muro-dique do Norte, con seis fileiras de granito. Pero hai tamén, por exemplo, unha colección de moedas que se poñían na boca dos defuntos —recordan ao óbolo de Caronte- descubertas en soterramentos de uso familiar continuado durante séculos no interior da nave da igrexa, probablemente, visigótica, das primeiras de Galicia. Nesta colección numismática destacan un Gran Bronce de Tiberio (42 aC a 32 dC), outra moeda do tempo de Fernando III (1230-1252), un marabedí «prieto» de Afonso X O Sabio (1252-1284), un noven de vellón de Afonso IX (1312-1350), unha moeda de Xoán I (1379-1390), ou un ceitil portugués do reinado de Afonso V (1438-1481) que saíu no quinto nivel de tumbas; pezas todas elas descubertas na campaña de escavación de 1988, na que tamén se destapou un esqueleto dun varón cunha trepanación cirúrxica neurocraneal, con cicatrizacións que revelan que a persoa sobreviviu moito tempo á operación; o primeiro caso que se descubriu en Galicia e que se topou no nivel máis profundo, o décimo, tamén no interior do templo. Este material sería extraordinario para un Museo no lugar. Pero onde está todo isto agora?. As dependencias que viña usando o falecido profesor Carro Otero -o que fixo máis prospeccións- permanecen clausuradas no soto da facultade de medicina de Santiago, cunha manchea de caixas de cartón rotuladas con «Adro Vello» e «San Vicente». O seu contido non está catalogado nin inventariado pero a lei recolle que os achados extraídos de Adro Vello Adro Vello son dominio público.

É urxente tomar medidas que permitan saber o que gardan esas caixas, e material espallado por outros lugares, recuperalo e, en fin, ir dándolle forma xa a ese Museo. En toda esta tarefa que queda por diante late o impulso, cheo de ilusión persoal, do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e seguramente o entusiasmo máis alá do profesional dos arqueólogos que traballan agora. Román Rodríguez impulsou a incoación da declaración como BIC desta Zona Arqueolóxica e asinou, ademais, un Convenio que permite a implicación, entusiasta tamén, de diversas universidades e, todos á unha, falan de futuro. Evidentemente teñen o afán de poñer, por fin, no seu sitio este lugar espectacular. Xa sei que en democracia non é cousa de pedir favores; pero xa por favor, porque por outros medios non hai maneira: que o Concello do Grove, a Deputación de Pontevedra e Costas do Estado boten unha man. Fan falta que se unan, porque un proxecto en común sería extraordinario.