O Plan de Mobilidade de Vilagarcía detecta un abuso do coche para distancias curtas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Grande expectación entre colectivos e veciños do municipio no inicio do proceso de escoita. As entidades cidadás e de comerciantes aplauden o diálogo pero piden feitos

21 jun 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) promovido polo Concello de Vilagarcía de Arousa con vistas a deseñar un novo modelo de transporte e desprazamento na localidade acorde á economía verde promovida desde a Unión Europea arrincaba a última hora da tarde do luns no centro sociocultural de Vilaxoán. Fíxoo ca posta en marcha da Mesa da Mobilidade, constatando a grande expectación espertada pola decisión do goberno local de contar coa participación e a opinión activa da cidadanía e da sociedade civil vilagarciá no deseño dun programa vital para o futuro do municipio en cuestión de poucos anos.

Preto de 60 persoas encheron o local, con veciños a título persoal, pero tamén representantes de entidades como Zona Aberta, a Asociación de Praceiros, Ahituvi, Arousa en Bici, Greenpeace ou os colectivos veciñais de Vilaxoán. Todos eles puideron coñecer algúns dos datos clave que os técnicos das empresas Gea21, en colaboración cos de Traza Territorio e Rurban, foron reunindo nas últimas semanas no seu traballo de campo previo, tirando de estatísticas e de planos, pero tamén da súa observación directa percorrendo o concello a pé, en bicicleta e en coche. E o certo é que o punto de partida ofrece un campo de intervención francamente mellorable a través do programa de actuacións que complete a redacción do Plan de Mobilidade.

Que dos case 60 asistentes á primeira xuntanza da Mesa da Mobilidade só dez acudiran a pé e o resto en coche serviu de exemplo da desalentadora realidade desvelada, ou máis ben confirmada polos técnicos Fernando Navarrete e Christian Kisters: só o 34 % dos desprazamentos realizados a diario en Vilagarcía se realizan a pé, cando a metade deles non chegan aos 2 quilómetros de distancia e o 62 % non van máis aló dos 5. Unha dinámica agravada polo feito da constatación dun uso moi minoritario do autobús e da bicicleta.

Parque móbil insostible

Os técnicos que están a preparar a base sobre a que poder decidir despois as actuacións coas que dar vida ao Plan de Mobilidade tamén fixeron fincapé na crecente motorización do parque vilagarcián, con dúas de cada tres vivendas dispoñendo dun coche. Unha cifra, advirten, que de seguir medrando, fará imposible o estacionamento en Vilagarcía inda coa actual existencia de grandes bolsas de aparcamento disuasorio no perímetro do casco urbano.

Durante o seu primeiro encontro coa cidadanía, os traballadores do Plan de Mobilidade abriron o debate arredor de como actuar nos viais das zona rurais e a súa mellor conexión coas áreas urbanas da vila, como mellorar o servizo público de transporte ou o fomento da bicicleta. E neste punto, a intervención do público puxo enriba da mesa as moitas e variadas deficiencias do actual modelo de comunicacións de Vilagarcía en opinión da xente de a pé. Así, veciños e representantes de diversos colectivos da sociedade civil enumeraron cuestións como a enorme dificultade de desprazarse ao centro do municipio non sendo en coche, a escasa resposta espertada polas ciclovías de recente construción no tráfico ciclista local ou a necesidade de materializar espazos de uso compartido para peóns e para ciclistas. Tamén houbo quen expuxo que para a construción das ciclovías e doutras actuacións en materia de mobilidade na vila debera terse agardado á redacción do PMUS que acaba de comezar.

Sobre esta última apreciación, a concelleira de Urbanismo e de Mobilidade, Paola María, sinalou que as ciclovías contan co seu propio plan de desenvolvemento e que os proxectos de obra pública se executan por fases, en función da dispoñibilidade económica de cada momento.

Os técnicos do PMUS realizarán novos encontros e obradoiros coa veciñanza en distintos puntos de Vilagarcía cos que reunir todos os puntos de vista e achegas posibles de cara as propostas de actuación que elevarán ao goberno local. Ademais, nos vindeiros días activaráse a páxina velaivai.vilagarcia.gal, na que se recollerá toda a documentación e información xerada na elaboración do Plan e na que a cidadanía poderá contribuír ao mesmo coas súas suxestións.

Primeiras reaccións

A folla de ruta fala duns seis meses de traballo de campo dos técnicos do PMUS, con periódicos encontros e obradoiros para recoller os diferentes puntos de vista e suxestións da veciñanza e da sociedade civil do municipio. Unha metodoloxía aplaudida polos representantes dos colectivos presentes na primeira xuntanza da Mesa da Mobilidade, que coinciden tamén á hora de esixirlle ao goberno local que complete a súa aposta polo diálogo construtivo con feitos que materialicen solucións ás deficiencias e as melloras precisas debuxadas pola cidadanía.

Tras asistir á xuntanza do luns, Joaquín Santamaría, Kinote, presidente da xestora da Asociación de Veciños de Vilaxoán, di que a súa entidade pide: «Máis carrís bici nas aldeas e viais polos que poidan pasar ao tempo o coche e a bicicleta», pero engade que «os comerciantes en Vilaxoán din que non lles benefician moito as ciclovías, porque non poden perder zona de carga e descarga».

Bobi Boullosa, de Vilaxoán Esperta, afea que «fronte ao Preguntoiro haxa 50 metros de carril bici e un chisco máis adiante nin beirarrúas», non entende que o carril bici remate nas Carolinas e non chegue ao hospital, pero sobre todo, critica a precariedade do transporte urbano: «O 60 % da poboación de Vilaxoán é maior de 60 anos e non se pode mover nin en bicicleta nin andando. E se a xente maior se ten que desprazar, o normal é que teña unha parada de bus no ambulatorio e diante do Concello que non ten».

Desde Zona Aberta a súa xerente, Zulema Castro, considera «constructivo e instructivo» o proceso de escoita, pero «siempre y cuando lo que se hable se plasme en hechos que atiendan a las demandas de los colectivos».